A candidatura da Marea Atlántica incorpora a Ana Louzán, cofundadora da ONG Viraventos; Cristina Antelo, traballadora do SAF; Marian Ledesma, traballadora da cultura; Sole Cundíns, da protectora Coruña Gatuna; Eva G. Amador, do movemento veciñal; Marcial Blanco, da cooperativa Zocamiñoca; e Sabela Pérez, ecoloxista e veciña de Durmideiras
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, anunciou hoxe a incorporación á súa lista de sete persoas que se suman ao proxecto da Marea Atlántica para o 28 de maio. Son as independentes Ana Louzán, cofundadora da ONG Viraventos, que traballa con persoas migrantes; Marian Ledesma, cantante profesional e traballadora da cultura; Cristina Antelo, traballadora da atención á dependencia; e Soledad Cundíns, presidenta da protectora de animais Coruña Gatuna. Tamén se suman Eva García Amador, do movemento veciñal; Marcial Blanco, socio traballador da cooperativa Zocamiñoca de alimentación de proximidade e activista pola cultura e a mobilidade sostible; e Sabela Pérez, ecoloxista e veciña do barrio de Durmideiras.
Xove amosou o seu “enorme agradecemento a Sabela, Marcial, Eva Amador, Sole, Cristina, Marián e Eva Louzán por dar este paso adiante e acompañarnos no camiño cara a unha Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática. Son persoas diversas, pero teñen algo que as une: levan moitos anos traballando polo ben común. É un orgullo contar con elas”.
Así, cando faltan pouco máis de 50 días para as eleccións municipais, estes sete nomes súmanse aos dez escollidos en primarias no mes de novembro, e aos cinco anunciados a semana pasada: Mariló Candedo, pedagoga e docente na Universidade da Coruña; Araceli Serantes, profesora doutora da UDC e un referente no ecoloxismo galego; Iván Núñez, adestrador e formador de deportistas, campión de España e récord de Galicia en lanzamento de peso; Gema Rivera, enfermeira xubilada e responsable de Anova na Coruña; e Txemi Jiménez, arquitecto técnico e representante de Verdes-Equo. Quedan aínda algúns nomes para completar a papeleta electoral, que se darán a coñecer nos vindeiros días xunto coa orde definitiva que ocuparán na lista.
As novas candidatas
- Ana Louzán: Independente. Socia cofundadora da ONG Viraventos, que leva desde 2007 facendo un traballo inmenso na Coruña para garantir a igualdade e a convivencia coas persoas migrantes. É titulada en Educación Social e exerceu profesionalmente como técnica de inserción sociolaboral.
- Marian Ledesma: Independente. Traballadora da cultura de base, cantante profesional, blueswoman e profesora de canto. A súa voz pode escoitarse no trío Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, entre outras bandas. Versiona a Billie Holiday coma poucas, e defende o dereito a unha cultura libre e para todos. Arxentina e coruñesa.
- Cristina Antelo: Independente. Traballadora do Servizo de Asistencia no Fogar, delegada de persoal e de prevención de riscos. Unha desas persoas imprescindibles para que moitas familias poidan coidar a quen está en situación de dependencia. Sindicalista e colaboradora de protectoras de animais.
- Soledad Cundíns: Independente. Activista polos dereitos dos animais. Fundadora e presidenta da Asociación Coruña Gatuna, que se implicou desde o comezo na xestión ética das colonias felinas co modelo CER: Captura, Esterilizacion e Retorno. Técnica de Radioloxía no Centro Oncolóxico de Galicia durante máis de 30 anos, onde tamén foi representante sindical.
- Eva G. Amador: Implicada no movemento veciñal, orgullosa nai de tres fillos e feminista “por convicción e necesidade vital”. Traballa como restauradora de documentos no Arquivo Histórico do Reino de Galicia. Tamén licenciada en Antropoloxía Social e Cultural, formando parte de grupos de investigación sobre a muller no ámbito galego.
- Marcial Blanco: Socio traballador da cooperativa Zocamiñoca desde a súa creación en 2009, fomentando o consumo responsable e a alimentación de proximidade. Participou na creación de Mobi-Liza, asociación pola mobilidade responsable, e de Masa Crítica Coruña, colectivo polo uso da bici. Activo en Manicómicos, CUAC FM e Xacarandaina, entre outros espazos.
- Sabela Pérez: Veciña de Durmideiras. Profesora dedicada na renovación pedagóxica. Toda unha vida implicada na defensa do medio ambiente. Colabora con Ecoloxistas en Acción na Coruña e foi voceira da Coordinadora da Marea Atlántica.