A cita contará coa participación do director da Empresa Municipal de Transportes de Valencia, Toni Martínez, e cun coloquio de voces expertas en mobilidade urbana e metropolitana
Será a partir das 10.30h no centro cívico de Monelos, con acceso de balde ata esgotar o aforo
A Marea Atlántica organiza, o vindeiro sábado 15 de abril, unha xornada para debater e ofrecer alternativas aos problemas da mobilidade urbana e metropolitana. Contará coa presenza de Toni Martínez, director adxunto da Empresa Municipal de Transportes de Valencia, integrada na Autoridade Metropolitana de Transporte, que nos contará a súa experiencia, e rematara cun coloquio de voces expertas.
Co título Temos que falar de mobilidade, a cita celebrarase este 15 de abril, de 10.30h a 13.30h horas no centro cívico de Monelos (avenida de Monelos, 2). O acceso é de balde ata esgotar o aforo.
Comezará cunha presentación de Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, sobre A mobilidade que merecemos. Continuará coa conferencia de Toni Martínez, que detallará o funcionamento da EMT Valencia, Unha empresa pública para liderar a mobilidade do século XXI. Posteriormente, terá lugar un coloquio con diferentes asociacións e colectivos, para ampliar o debate e as perspectivas.
“A mobilidade é esencial na vida cotiá, determina o tempo que nos custa desprazarnos pola cidade, as nosas posibilidades laborais, a calidade de vida nos barrios, o uso do espazo público, o noso impacto na emerxencia climática… Por iso atendela é un dos principais retos que terá o goberno saído das urnas este 28 de maio, sempre cunha perspectiva metropolitana”, explica Xan Xove.