Saltar ao contido

A Valedora do Pobo admitiu a trámite a queixa da Marea Atlántica pola falta de regulación dos pisos turísticos na Coruña

En abril, temos case 800 vivendas de uso turístico na Coruña, o dobre que cando Inés Rey chegou ao goberno: así é imposible alugar

O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar as preguntas orais que lle fará ao goberno de Inés Rey no mes no Pleno do mes de abril, que se celebrará o vindeiro xoves, día 13. Así, preguntarémoslle á alcaldesa cando e como pensa regular os pisos turísticos na Coruña, agora que a Valedora do Pobo admitiu a nosa queixa sobre este problema que non deixa de medrar.

A mediados de marzo, a Valedora do Pobo reclamoulle a Inés Rey probas de que está a cumprir coa súa obriga legal de regular o sector e poñerlle límites. Que documentación achegou? Que pensa facer para que mude esta situación cada vez máis preocupante?

Como sinala o candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, “os pisos turísticos desaparecen da oferta de alugueiro convencional, e fan que suban os prezos. Así é imposible alugar. Desde a Marea Atlántica levamos anos avisando desde problema. E conseguimos que Inés Rey se comprometese por escrito a regulalos. Pero como pasa a miúdo con Inés Rey, predicar, predica, pero logo non dá trigo”.

O rexistro da Xunta amosa que en abril  xa temos 793 pisos turísticos na Coruña, o que significa un incremento dun 5% en só un mes. Máis do dobre dende que Inés Rey chegou ao goberno. En paralelo, e segundo os últimos informes do Observatorio de Vivenda da Xunta, o prezo medio do alugueiro na Coruña foi en febreiro de 582,3 euros. Encareceuse case un 10% en quince meses e máis do 25% en oito anos.

Cando e como vai regular Inés Rey os pisos turísticos despois de que a Valedora do Pobo lle pida contas?