O candidato á Alcaldía participou hoxe nunha sesión vermú na praza do Humor, á que asistiron unhas 200 persoas, co ex-alcalde Xulio Ferreiro, a voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e a número dous da lista electoral, Bea González de Canales
“Queda un mes para as eleccións e seguiremos a traballar duro cada día para gañar a confianza da cidadanía: cara a cara, barrio a barrio e con propostas claras”, declarou Xove
Xan Xove, candidato á Alcaldía da Coruña nas eleccións municipais do 28 de maio, fixo hoxe un chamamento a sumar vontades en torno á Marea Atlántica, “a forza que decide na Coruña”. Xove lembrou que a plataforma municipalista é a única das alternativas electorais que toma as súas decisións na cidade e pola cidade, sen renderlle contas a ninguén máis que á veciñanza coruñesa: “Somos A Coruña 100%”. E que as enquisas e o sentir da rúa están a indicar claramente que terá unha capacidade decisiva para a formación dun goberno progresista e un proxecto transformador en María Pita.
Xove participou hoxe nunha sesión vermú organizada pola Marea Altántica na Praza do NHumor, ao pé da súa sede, coa asistencia dunhas 200 persoas. na que tamén interviñeron o ex-alcalde Xulio Ferreiro, a voceira municipal, María García, e a número dous da candidatura, Bea González de Canales. Todos eles lembraron como o traballo da Marea, sempre da man da veciñanza e a mobilización social, logrou nos últimos anos avances que foron sinalados coma “imposibles”, pero resultaron ser cuestión de vontade e decisión: a apertura dos peiraos, a Renda Social Municipal, o crecemento no uso da bici e o transporte público ou a gratuidade das escolas infantís, entre moitos.
O líder da forza municipalista salientou que “queda un mes para as eleccións, un mes para demostrar que na Marea somos xente de confianza” e prometeu que “seguiremos traballando duro e sen parar, barrio a barrio, cara a cara, e con propostas concretas para afrontar problemas reais da cidade e gañar a confianza da cidadanía”.
Non prometemos vivenda pública en abstracto, dicimos canta: 250 pisos en alugueiro asequible. E dicimos onde: nas parcelas municipais de Xuxán. Non prometemos mellorar o bus sen máis, sinalamos o camiño para crear unha empresa municipal de transportes en 2024, cando remate a concesión. Non só falamos de poñer a vida no centro, falamos de crear unha empresa municipal de coidados que mellore desde o público servizos coma as escolas infantís, a canguraxe, a asistencia a domicilio e a atención psicolóxica. Por iso a Marea Atlántica é a opción que decide na Coruña, a que leva oito anos marcando, para mellor, a axenda política da cidade.