María García: “É unha mostra máis de como as principais innovacións políticas deste mandato son froito da iniciativa da Marea Atlántica, e de como o PSOE carece de políticas ambientais e climáticas propias”
María García, voceira municipal da Marea Atlántica e concelleira de Medio Ambiente no pasado mandato, valorou a publicación dalgúns datos do Mapa das Enerxías Renovables por parte do goberno local. E unha iniciativa pactada coa Marea Atlantica en 2019 e que, por fin, parece saír do caixón no que estaba gardada. A elaboración deste mapa a través de EMALCSA, foi iniciativa do noso grupo en 2020 e formou parte do primeiro acordo orzamentario, que tardou 3 anos en materializarse. “Temos constancia de que está rematado desde hai meses, pero o goberno preferiu agardar aos tempos de campaña para facer públicos os resultados”.
García afirmou que esta “é unha mostra máis de como as principais innovacións políticas deste mandato son froito da iniciativa da Marea Atlántica, e de como o PSOE carece de políticas ambientais e climáticas propias”. E engadiu que “o adianto de hoxe amosa bos resultados, identificando 47 espazos en edificios públicos con capacidade para producir enerxías renovables, e a potencia que poderían xerar. Pero cómpre publicar o mapa completo para que a cidadanía poida tamén acceder a esa información, e identificar que tipo de instalacións poden situarse en cada lugar”.
O mandato remata, por desgraza, con moitos outros acordos en materia enerxética sen cumprir. A empresa municipal de enerxía leva máis dun ano atascada en fase de estudo. O plan de emprego e formación relacionado coas enerxías renovables non chegou a comezar. Non se constituíu a Oficina da Enerxía para asesorar á veciñanza sobre como baixar a súa factura da luz. E tampouco se puxeron en marcha as instalacións piloto para producir enerxía renovable. Terá que facelo á Marea Atlántica, de volta no goberno a partir do 28 de maio.