Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica percorreu a zona de Monelos, e comprometeuse a mellorar a conexión do barrio co mercado de Elviña, Salvador de Madariaga e os centros escolares

A grada do campo de fútbol atópase moi deteriorada, coa estrutura en grave risco, o que tamén afecta ao local da asociación veciñal. Precisa dunha reforma urxente 

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, percorreu estes días Monelos, da man da súa asociación veciñal, e comprometeuse a mellorar no vindeiro mandato os problemas de deterioro do espazo público e os equipamentos do barrio. “Neste mandato, boa parte do investimento e os grandes proxectos do concello quedaron no centro, non moi lonxe do Cantón Pequeno. A partir de maio queremos mudar iso e coidar de zonas como Monelos, Elviña e o Barrio das Flores”, explicou. 

Xove comprometeuse a implantar un proxecto integral de accesibilidade na rolda Camilo José Cela e a súa contorna, a principal conexión entre o Barrio das Flores, o Mercado de Elviña e a avenida de Salvador de Madariaga. Tamén é o paso cara os colexios Ramón de la Sagra, María Pita e o instituto Ramón Otero Pedrayo. Tal e como explicou o candidato: “Moverse por estas rúas significa subir e baixar escaleiras, toda unha barreira para as persoas con mobilidade reducida, que separa os barrios de Elviña e Monelos. Buscaremos o xeito de poñerlle remedio”. 

Na visita, o cabeza de lista estivo acompañado pola arquitecta Chiqui García, número 4 da candidatura, e puideron comprobar o grave deterioro da bancada do campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, que precisa unha reforma urxente e mesmo ten partes da estrutura danada. Baixo esta grada atópase, precisamente, o local da AVV, que sofre de filtracións de auga polo mal estado do equipamento. Un problema que xurdiu nos últimos anos e ao que Inés Rey non lle puxo solución. 

Finalmente, a veciñanza trasladoulle a Xan Xove a súa preocupación polo estado do edificio do Club Financeiro, abandonado e que se está a converter nun problema de seguridade e convivencia. O próximo goberno municipal da Coruña, do que formará parte a Marea Atlántica instará aos propietarios a poñerlle remedio á situación.

Xan Xove promete un plan de accesibilidade na contorna da rolda Camilo José Cela, no Barrio das Flores