Saltar ao contido

A asemblea acordou deixar todas as vías abertas para garantir que o municipalismo teña presenza nos comicios do 5 de abril

A Rede, o máximo órgano de toma de decisións da Marea Atlántica, acordou onte facer un chamamento á unidade do espacio do cambio e á presentación dunha coalición ampla e plural, na que estean representados, cando menos, os catro grandes eixos das confluencias que naceron en 2015: Podemos, Esquerda Unida, Anova e o municipalismo que representan Compostela Aberta, Ferrol en Común, a Marea de Vigo, Ourense en Común, Sadamaioría ou a propia Marea Atlántica, entre outras organizacións.

O maior respaldo cidadán ao noso espazo político chegou, precisamente, cando fomos quen de construír candidaturas amplas e poñer por diante os numerosos puntos en común: defensa dos dereitos sociais, dos servizos públicos, do feminismo e o medio ambiente, e da lingua e a cultura galegas, da transparencia e da radicalidade democrática.

Por iso, a Marea Atlántica fai un chamamento a presentar unha alternativa forte, progresista e galeguista ao esgotado goberno de Alberto Núñez Feijóo, que en tres lexislaturas limitouse a empeorar os problemas de Galicia. A asemblea acordou deixar todas as vías abertas e exploralas para garantir a presenza do municipalismo nas vindeiras eleccións do 5 de abril.

Finalmente, a Rede facultou á Coordinadora e ao Grupo de Relacións Políticas para manter conversas e negociacións nos próximos días, co obxectivo de construír unha candidatura. O resultado deste traballo será debatido de novo na Rede a vindeira semana, cando se tomará unha decisión definitiva.

A Rede da Marea Atlántica fai un chamamento á unidade do espazo do cambio cara as eleccións autonómicas