Saltar ao contido

Co desexo de que ningún votante de esquerda se vexa privado de representación, chamamos á participación da cidadanía e pedimos o voto para todas aquelas forzas de esquerda transformadora capaces de artellar unha maioría suficiente que substitúa ao Partido Popular no Goberno da Xunta de Galicia, en beneficio da xustiza social, da igualdade, do feminismo e do medio ambiente.

 

A Marea Atlántica, como forza municipalista que defende a confluencia dentro do espazo da esquerda rupturista utilizando ferramentas radicalmente democráticas, de abaixo a arriba, atópase ante a convocatoria electoral ao Parlamento de Galicia nunha situación de certa perplexidade que de seguro é compartida por boa parte da cidadanía galega.

O noso espazo político está máis fragmentado que nunca. Mesmo as forzas que abandonaron a confluencia na nosa cidade preséntanse aos actuais comicios por separado, evidenciando de novo que os pactos entre cúpulas e as coalicións de conveniencia non son quen de xerar marcos de traballo estables, capaces de poñerse ao servizo da cidadanía e de afrontar con garantías os importantes desafíos que a actualidade nos presenta.

Neste senso, cómpre facer un chamado á responsabilidade das forzas que constitúen o espazo do cambio. É necesario construír alternativas políticas de longo percorrido en todas as escalas. Alternativas que se opoñan ao panorama devastador para os dereitos fundamentais, as liberdades públicas e o futuro das persoas que se vén impulsando dende a dereita e a extrema dereita. E para acadar ese obxectivo, vai ser imprescindible honrar, respectar e xestionar dun xeito óptimo a diversidade do noso espazo político, en lugar de percibila coma un problema que precisa solución.

A Marea Atlántica é un proceso municipalista, centrado na realidade e nos problemas da Coruña e a súa contorna. Somos unha forza que coñece de primeira man as potencialidades e as vantaxes, pero tamén as carencias e as necesidades, que caracterizan a unha das cidades máis importantes do noso país. A Coruña é o que nos preocupa e nos ocupa, pero é evidente que a nosa cidade non existe nun baleiro, e que non é indiferente para ela quen goberne a Xunta de Galicia.

Na Marea Atlántica sempre entendemos a política coma un espazo de cooperación, non de confrontación, e por isto concluímos que para nós é un compromiso político ineludible posicionarnos ante o inminente proceso electoral dun xeito positivo e claro. Así as cousas, e co desexo de que ningún votante de esquerda se vexa privado de representación, chamamos á participación da cidadanía e pedimos o voto para todas aquelas forzas de esquerda transformadora capaces de artellar unha maioría suficiente que substitúa ao Partido Popular no Goberno da Xunta de Galicia, en beneficio da xustiza social, da igualdade, do feminismo e do medio ambiente.

Non quedes na casa, o cambio depende de ti. Participa!

Posicionamento da Marea Atlántica cara as eleccións autonómicas do 18F