Saltar ao contido

A voceira da Marea Atlántica considera “decepcionantes” os resultados do encontro entre a alcaldesa e o presidente da Xunta, no que se limitaron a repetir acordos xa anunciados

Tras tres anos e medio sen un só avance, anunciar un concurso de ideas para o centro de saúde en Santa Lucía semella unha broma de mal gusto 

A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, valorou hoxe os resultados do encontro celebrado na Coruña entre a alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Xunta, que cualificou de “decepcionante”. “O compromiso do goberno galego coa Coruña é tan baixo desde hai anos que calquera investimento ten que ser recibido coma unha boa nova, pero ao final Rueda marchou da Coruña con promesas que soan a vello e sen ningún compromiso en asuntos urxentes coma a vivenda, a mobilidade e a xustiza social”, resume a nosa portavoz. No vindeiro Pleno, o xoves 13 de outubro, preguntaremos sobre este asunto. 

Os acordos que se trasladaron a través dos medios de comunicación, desde logo, non se corresponden coas expectativas xeradas polo encontro e limítanse a repetir compromisos xa adquiridos e anunciados, é o caso do albergue de peregrinos na antiga Comandancia de Obras. Pero, sobre todo, do centro de saúde en Santa Lucía: “Xa nos prometeron desbloquear o proxecto hai tres anos, e agora o que nos traen é un concurso de ideas para novembro e ningunha data de inicio das obras. O mercado está cerrado e non hai novos servizos no barrio. Volvemos á casilla de saída, e agora xa non lle poden botar a culpa á Marea”, argumenta a concelleira. 

O groso do investimento anunciado destínase a melloras nos colexios públicos e os equipamentos deportivos, aínda que non se detallou en cales nin como se repartiran os fondos. En todo caso, son materias que, en palabras de María García, “é positivo que se fagan, sen dúbida, pero forman parte das responsabilidades cotiás da Xunta. Desde logo, Rueda non merece parabéns por facer o seu traballo ordinario”. 

O Concello e a Xunta falaron nas súa comunicacións dun investimento de 13,5 millóns de euros, sen detallar como se reparten nin canto estará realmente reflectido nos Orzamentos do goberno galego para 2023. As contas, a primeira vista, non saen.

Existe A Coruña alén do CHUAC

Outro dos anuncios tras a reunión de Alfonso Rueda e Inés Rey ten que ver coa confirmación das obras de ampliación do CHUAC. Obras necesarias para mellorar a asistencia sanitaria en toda a comarca, pero que non poden servir como coartada para esquecer anos de déficil de investimentos.

“Preguntámonos onde están as propostas noutras políticas necesarias para mellorar a vida de toda a xente da Coruña, comezando pola mobilidade metropolitana. Que facemos para reducir os centos de milleiros de coches que entran cada día na cidade? Cando se vai facer cargo a Xunta das súas competencias en vivenda e lle vai dar resposta ás dificultades para acceder a un fogar? Que acontece coa atención primaria e a saúde mental?”, pregúntase a nosa voceira. 

No balance deste encontro botamos en falta, ademais, un compromiso para eliminar o inxusto copagamento no servizo de axuda no fogar, que se ceba con moitas familias e que pode eliminarse cun mínimo investimento. E tamén a implicación da Xunta coas escolas infantís municipais ao mesmo nivel que as privadas, garantindo as oito horas gratuítas. Son compromisos que non poden esquecerse. 

Maior compromiso do Estado

María García tamén se referiu ao cumio hispano-alemán que hoxe se celebra na cidade, sinalando que “ninguén entendería que este agardado encontro quede só en converter o centro da Coruña  nun escaparate floral”. É de esperar que “a alcaldesa Ines Rey aproveite a súa entrevista con Pedro Sánchez para acadar compromisos reais para A Coruña, con partidas nos Orzamentos 2023, e comezando pola humanización de Alfonso Molina e a condonación da débeda do porto

María García: “Alfonso Rueda marchou da Coruña con promesas que soan a vello e ningún compromiso en vivenda, mobilidade ou xustiza social”