O protocolo asinado esta mañá en María Pita ábrelle a porta á privatización da maior parte do bordo litoral para pagar a débeda derivada da construción de Punta Langosteira
As administracións levantáronse da mesa sen asumir compromisos económicos concretos nin garantir a constitución dun consorcio público para a transformación dos peiraos
Nin titularidade pública dos terreos nin condonación da débeda nin consorcio entre as administracións. O segundo cumio portuario publicitado pola alcaldesa Inés Rey en menos de tres anos rematou esta mañá no pazo de María Pita sen acadar ningunha das metas básicas que permitirían liquidar os funestos convenios de 2004 e abrir unha nova etapa no bordo litoral da Coruña. Ben ao contrario, como denuncia a Coordinadora da Marea Atlántica tras coñecer a documentación, o protocolo de intencións asinado hoxe polas administracións implicadas supón un paso atrás con respecto aos grandes acordos políticos e sociais que se forxaron na etapa en que a formación municipalista estaba á fronte do goberno local.
“Estanse a romper os consensos acadados na etapa de Xulio Ferreiro como alcalde da cidade”, alerta a Coordinadora da Marea Atlántica. “Entre 2015 e 2019, como resultado da mobilización da cidadanía e o liderado dun goberno comprometido coa defensa do común, todas as forzas políticas acabaron por asumir unha axenda compartida para o futuro dos peiraos interiores. Lamentablemente, ningún dos piares daquel novo horizonte litoral foi referendado no protocolo asinado hoxe en María Pita. Sempre é positivo que as administracións falen e amosen vontade de cooperar, pero o acordo non está en absoluto á altura do que esta cidade reclamou para si”.
Segundo explica a formación municipalista, o protocolo limita a titularidade pública aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, a porción máis pequena dos terreos en liza, mentres abre a porta á privatización no resto dos ámbitos, singularmente en San Diego. Ademais, lonxe de dar pasos cara a condonación da débeda da Autoridade Portuaria ou desligar a súa amortización do destino do solo que hoxe é público, o documento reafirma a fórmula herdada do vazquismo, baseada na extracción de plusvalías urbanísticas, e corresponsabiliza a todas as administracións no seu pagamento. Por último, a Marea Atlántica lamenta que o protocolo remate sen compromisos económicos das partes nin garantías de que todo o proceso será xestionado por un consorcio público.