Saltar ao contido

Mantivemos hoxe un encontro coa plataforma veciñal pola demolición do scalextrix, que agradeceu o traballo do goberno de Xulio Ferreiro para humanizar a zona

As obras comezaran nos vindeiros días, cun proxecto deseñado e financiado polo goberno da Marea Atlántica

A Marea Atlántica mantivo hoxe un encontro coa plataforma veciñal pola demolición do viaduto da rolda de Nelle para celebrar a inminente demolición desta infraestrutura que afoga as vivendas da zona desde hai 40 anos. Na reunión, na que estivo presente Xulio Ferreiro, alcalde no anterior mandato, xunto ao grupo municipal e integrantes da Coordinadora da Marea, brindouse pola desaparición do scalextrix que “representa un modelo de cidade de formigón e gobernada polos coches, fronte ao que nós defendemos, coas persoas no centro”, en palabras da nosa voceira, María García.

En declaracións á prensa, García lembrou que foi o goberno de Xulio Ferreiro o que deseñou o proxecto de derrubo e rescatou os fondos para financialo, logo do bloqueo dos Orzamentos 2019 por parte do PSOE e o PP. “Iso é o que fai posible que nos próximos días comece a retirada do viaduto e a humanización do cruce, con espazo para peóns, arborado e carril bici. É unha mostra do que se pode conseguir cando non se bloquean iniciativas por motivos partidistas”.

Proxectos polo ben da cidade

Pola súa banda, o concelleiro Xiao Varela, responsable de Rexeneración Urbana do último goberno, afirmou que o derrubo do viaduto é “unha vitoria veciñal, despois de décadas loitando e sufrindo”, e que o proxecto suporá unha gran mellora para a zona. “Vaise facer realidade, grazas a que chegamos a acordos co PSOE para seguir completando os proxectos que quedaron pendentes, polo ben da Coruña. Será o caso do polideportivo do Castrillón, ou das melloras que se fan estes días en Puga e Parga, Nostián, Feáns…”

Finalmente, Alberto Domínguez, un dos integrantes da plataforma veciñal polo derrubo, asegurou que “houbo moitos proxectos anteriores, e moitos gobernos que prometeron que ían facer desaparecer o viaduto, pero ao final Xulio Ferreiro foi o único alcalde que nos escoitou e fixo valer a súa palabra”.

Celebramos coa veciñanza o inminente derrubo do viaduto da Rolda de Nelle