María García e Xiao Varela reuníronse onte coa plataforma de afectadas e con representantes da asociación veciñal de Eirís
“A ampliación do CHUAC é un proxecto moi necesario a medio prazo, pero merece un proxecto serio, con orzamento e prazos serios, algo que aínda non temos”, afirmou a nosa voceira
O grupo municipal da Marea Atlántica lamenta que os gobernos de Alberto Núñez Feijóo e Inés Rey tardaran dúas semanas en comezar a preocuparse polas persoas afectadas pola futura ampliación do hospital da Coruña. Despois da xuntanza entre a alcaldesa e o conselleiro de Sanidade, Xesús Almuíña, na que acordaron revisar o ámbito da obra para afectar ao mínimo de vivendas, a nosa voceira María García asegurou que se trata dunha “rectificación ben tardía, que deberían ter pensado antes de facer un anuncio propagandístico e permitir que ducias de familias soubesen pola prensa de que lles podían expropiar a casa”.
Pola nosa banda, e como fixemos desde o primeiro día, estaremos pendentes de que a afectación á veciñanza sexa mínima, e de que a Xunta e o Concello cumpran as súas promesas e despexen as moitas incógnitas que aínda están sobre a mesa, coma os prazos do proxecto ou as fontes para financialo. Almuíña e Rey insistiron hoxe que se trata dunha proposta “moi incipiente”, pero iso non lles impediu presentalo hai 15 días con fogos de artificio.
“O 28 de xaneiro, cando Feijóo anunciou o novo hospital e Inés Rey aplaudiu o proxecto sen coñecelo, ningún dos dous dedicou un só minuto a pensar na veciñanza”, engadiu María García. “A ampliación do CHUAC é un proxecto moi necesario a medio prazo, pero merece un proxecto serio, con orzamento e prazos serios, algo que aínda non temos. Nin sequera se sabe aínda quen asume as expropiacións, se a Xunta ou o Concello”.
Melloras para o barrio de Eirís
María García e o concelleiro Xiao Varela mantiveron esta mañá unha xuntanza coa recén constituída plataforma de afectadas polo proxecto de renovación do hospital e con representantes da asociación veciñal de Eirís, na que reiteraron as súas peticións de transparencia e de que as administracións traballen conxuntamente coa veciñanza.
Tamén solicitaron que as obras na contorna sirvan tamén para resolver os problemas de mobilidade e espazo público dos que adoece Eirís desde hai décadas. E insistiron en que o novo hospital, un proxecto a medio-longo prazo, debe ser 100% público e servir para mellorar a atención sanitaria e os servizos do CHUAC, cada día máis saturados. Desde o grupo Municipal da Marea Atlántica comprometémonos a trasladar estas demandas no próximo Pleno do Concello, a través dunha moción.