Saltar ao contido

A obra do novo centro hospitalario da Coruña, moi necesaria, non é escusa para ignorar ás persoas que poderían perder a súa casa por mor das obras e se enteraron pola prensa 

O próximo 8 de febreiro, celebraremos unha Rede de Barrio en Eirís para escoitar as preocupacións da veciñanza e trasladarlle toda a información dispoñible

O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle ao goberno de Inés Rey polas condicións nas que se expropiarán os terreos necearios para a ampliación do CHUAC, anunciada esta semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en presenza da alcaldesa da Coruña e sen terllo comunicado antes á veciñanza afectada. Ademais, o deputado Xan Xove, do Grupo Común da Esquerda, interpelará ao goberno autonómico no Parlamento de Galicia. O proxecto do novo CHUAC é moi necesario, pero non xustifica que se trate á cidadanía coma números nun plano, nin que teñan que enterarse pola prensa da posibilidade de quedar sen casa.

A Marea Atlántica rexistrará as seguintes preguntas escritas, para que o goberno municipal cumpra coa súa obriga de render contas:

  • Participou o Concello da Coruña na decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación? En caso afirmativo, de que maneira?
  • Coñecía o Concello da Coruña a decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación antes do acto do pasado 29 de xaneiro? Cando tivo coñecemento e de que maneira?
  • É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o día 29 de xaneiro, implica a expropiación de vivendas? Dende cando é coñecedor o goberno municipal desta circunstancia?
  • Púxose en contacto o goberno municipal coas persoas afectadas pola ampliación do CHUAC? De ser así, cando o fixo? De non selo, por que?
  • Cantas persoas van resultar afectadas pola ampliación do CHUAC?
  • Que medidas pensa tomar o goberno municipal en relación ás persoas afectadas pola ampliación do CHUAC?
  • É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o pasado 29 de xaneiro, non coincide coa prevista no PXOM? Que prevé facer ao respecto?
  • Sabe o goberno municipal quen vai asumir o custo das expropiacións? O Concello da Coruña ou a Xunta de Galicia?
  • Cales son os prazos para o inicio das obras no CHUAC?

Este venres, nunha visita á zona de Curramontes, en Eirís, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez; o concelleiro Xiao Varela, responsable de Rexeneración Urbana no anterior goberno; e o deputado Xan Xove, acompañados por parte da directiva da asociación veciñal Uxío Carré, puideron constatar que as persoas afectadas polas expropiacións non tiveran información de ningún tipo.

Rede de Barrio en Eirís o próximo 8 de febreiro

Nestes momentos, a incerteza é total. Non se coñecen cales serán exactamente as parcelas implicadas nin quen realizará as expropiacións. Para manter o contacto coa veciñanza, trasladar a información dispoñible e escoitar ás afectadas, celebraremos unha Rede de Barrio en Eirís o vindeiro 8 de febreiro.

Non hai dúbidas sobre a necesidade de ampliar o CHUAC; pero os representantes políticos deberían preocuparse máis por informar á veciñanza afectada que por sacarse fotos propagandísticas. A Xunta e o goberno municipal teñen que vir a Eirís e darlles as debidas explicacións á cidadanía. E así llo reclamaremos dende a Marea Atlántica no Concello da Coruña e dende o Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia. Esixiremos transparencia e seriedade en todo o proceso de expropiacións. Para non xogar coa vida da xente, e para non repetir desastres como o do Ofimático ou San Vicente de Elviña.

 

A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia e o goberno información para a veciñanza afectada pola ampliación do hospital en Eirís