Feijóo incumpre desde 2011 o compromiso de financiamento co Consorcio da Música, acumulando unha débeda de 5 millóns de euros en risco a súa viabilidade
Iago Martínez: “Esixiremos por todas as vías necesarias que o goberno de Feijóo cumpra coa Sinfónica, e así debería facelo tamén a alcaldesa diante do conselleiro de Cultura”
O Consorcio da Música queda sen fondos para as Bolsas de Excelencia Musical neste curso, que ata o de agora estaban dotadas con 100.000 euros. Son a primeira vítima da falta de compromiso da Xunta de Galicia, que lle adebeda á entidade que xestiona a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) máis de 5 millóns de euros desde 2011.
Hoxe celebrouse a Xunta de Goberno do Consorcio da Música para aprobar o orzamento do organismo para 2020. Os informes sinalan o que vimos denunciando desde hai tempo: que Feijóo incumpre os acordos financeiros asinados en 2004, mediante un convenio, e que este incumprimento pon en risco o normal funcionamento da orquestra.
Se as administracións non incrementan as súas achegas, como mínimo, tanto como medran os salarios, toda a actividade da Sinfónica está en risco. Así de grave é a situación.
Incremento cosmético
Iago Martínez, representante da Marea Atlántica no Consorcio, tomou a palabra para denunciar que a Xunta fai este ano un incremento cosmético, de menos do 3%, para achegar uns 2,7 millóns de euros, . “Esixiremos por todas as vías necesarias que o goberno de Feijóo cumpra coa Sinfónica”, asegurou, “e así debería facelo tamén a alcaldesa diante do conselleiro de Cultura”.
Os informes poñen en evidencia tamén que a achega da Deputación da Coruña, conxelada en 1,5 millóns dende hai uns anos, carece a tal hora dun convenio que a respalde. Urximos aos gobernos local e provincial a poñerlle remedio.