Saltar ao contido

No Pleno da Deputación do 30 de xaneiro, Alberto Lema defenderá unha moción que denuncia que a autoestrada privatizada en 2003 é hoxe unha das máis caras do Estado 

Propoñemos a creación dun Plan Director de Estradas Provinciais, para manter en bo estado a rede viaria

O grupo provincial da Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno da Deputación, o 30 de xaneiro, unha moción para reclamarlle ao Ministerio de Fomento a transferencia a Galicia da autoestrada AP9 e a fin das abusivas subidas no prezo da peaxe, que fan dela unha das máis cara do Estado nunha comunidade autónoma.

O texto lembra que un 60% da poboación galega e un 90% da actividade económica do país, polo que é “unha infraestrutura fundamental para comprender o desenvolvemento socioeconómico das últimas décadas”. Pese a iso, e mentres os viais que rodean Madrid son rescatados “cando non acadan o mínimo de rendibilidade, a AP9, lonxe de retornar á xestión pública, non deixa de incrementar o seu custo para as persoas usuarias”.

Lémbrase, tamén, que no 2003, baixo o goberno de Aznar, deixouse esta autoestrada construída con cartos públicos “en mans privadas e amigas”, cunha concesión extremadamente vantaxosa. Así, sumando a factura das obras de mellora inauguradas en 2018 e o incremento do IPC; fan que o prezo das peaxes neste 2020 sexa un dos máis caros do Estado, “incidindo de xeito directo na perda de competitividade da nosa economía”.

Por todo isto, a Marea Atlántica cre que a Deputación da Coruña debería sumarse á petición de recuperar a AP9 para o público, xa aprobada no Parlamento de Galicia o 23 de outubro de 2015.

Plan Director de estradas provinciais

Doutra banda, o grupo da Marea Atlántica presentará tamén unha moción na que proporá crear un Plan Director de Estradas Provinciais, para homologar e manter en bo estado a rede viaria da Deputación, decisiva para as comunicacións en moitos concellos pequenos e medianos.

No coidado desta rede de estradas debería imperar o servizo público, e non a cor política dos concellos polos que transcorren. Pero, como di o texto, as simpatías dos diferentes gobernos provinciais guiaron as decisións de reformar un tramo ou outro, chegando a existir grandes disparidades na conservación dunha mesma estrada segundo o termo municipal.

Ademais, algunhas destas estradas transcorren polo centro das poboacións como vías urbanas, pero a súa titularidade provincial dificulta que os concellos poidan melloralas con obras ou equipamentos.

Por todo isto, instaremos á Deputación a licitar ao longo de 2020 un estudo que leve á creación dun Plan Director de Estradas, sempre desde o diálogo coas alcaldías e axentes afectados. A súa meta debe ser acadar a racionalización da titularidade das vías e a planificación dos investimentos precisos para mellorala atendendo a criterios obxectivos, como o tráfico, o equilibrio territorial, a poboación á que dan servizo, etc.

A Marea Atlántica reclama a transferencia da AP9 a Galicia e a fin das subas nas peaxes