Saltar ao contido
Sede da Deputación da Coruña

Reclamamos a derrogación do Decreto de Plurilingüismo da Xunta e unha nova política lingüística tras os alarmantes informes da Real Academia Galega e do INE

O grupo provincial da Marea Atlántica vén de rexistrar unha moción para ser debatida no vindeiro Pleno da Deputación, este venres 27 de xaneiro, en defensa da lingua galega e reclamando que se garanta a súa especial protección, ante a perda de falantes e o retroceso no ensino. 

Como sinala o noso voceiro provincial, Alberto Lema, nas últimas semanas coñecemos dous informes moi preocupantes, por parte da Real Academia Galega e o Instituto Nacional de Estatística: “Os datos do INE deixan claro que a substitución do galego polo castelán en Galicia se está acelerando nos últimos anos, como consecuencia da desprotección que supuxo o Decreto do Plurilingüismo aprobado por Feijóo. Por iso pedimos que se derrogue de xeito inmediato, e que se poña en marcha a protección xurídica que o galego precisa como lingua minorizada”. 

Lema tamén se referiu aos datos feitos públicos pola RAG, que indican que dous de cada tres menores inician o seu ciclo educativo sendo galegofalantes pásanse ao castelán antes de rematar o ensino obrigatorio. “Estamos a ver que o ensino público en Galicia, lonxe de promover o potenciar o uso do galego entre a mocidade, o que provoca máis ben é a súa desaparición”. 

“A Carta Europea das Linguas deixa claro que unha fala non desaparece de forma natural, senón que é substituída cando non ten protección política. Ese é o camiño para defender o galego, tomar medidas para fomentar o seu uso no ensino e nas administracións públicas”, conclúe Alberto Lema. 

Investigación dos parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás

Doutra banda, o grupo provincial da Marea Atlántica tamén trasladará unha moción reclamando que se investigue a concesión dos parques eólicos de Campelo e Lamas de Feás, entre os concellos de Coristanco e Santa Comba, tal e como denuncia Adega. Ambos proxectos, agora en mans de Greenalia, están baixo sospeita dun delito de prevaricación, pois á Xunta “eximiu” á empresa do pago de 11,7 millóns de euros e da obriga de actualizar o plan industrial destes parques. Pedimos o apoio de todos os grupos da Deputación para chegar ao fondo do asunto. 

Levamos ao Pleno da Deputación unha iniciativa en defensa do galego, ante a grave perda de falantes