Levamos á Deputación a iniciativa de Ecoloxistas en Acción elaborou un informe no que identifica numerosos destes espazos de enorme riqueza hídrica e biodiversidade, fundamentais para o planeta
Noutra moción conxunta, tamén demandamos que a Xunta lle retire a autorización das verteduras contaminantes da mina de San Finx, en Lousame
A Marea Atlántica defenderá este venres 24 de febreiro, no Pleno da Deputación da Coruña, unha moción para reclamar que as brañas da provincia da Coruña, importantísimas reservas hídricas e de biodiversidade, sexan incluídas no Catálogo de Humidais da Xunta de Galicia, tal e como sinala o informe técnico elaborado recentemente por Ecoloxistas en Acción. Tamén, nunha moción conxunta co BNG e o PSOE, reclamamos que se retire a autorización das verteduras contaminantes da mina de San Finx, en Lousame, nun río que desemboca na ría de Muros e Noia. Un erro gravísimo.
Deste xeito, procuraremos que a maioría dos grupos políticos apoien o compromiso da Deputación “na defensa, protección e conservación dos humidais, brañas e turbeiras” da provincia, e para darlle apoio económico a Ecoloxistas en Acción para que poidan seguir identificando e catalogando estes espazos naturais que o goberno galego ignora.
Nesta primeira pescuda, identifícanse as brañas do Deo, Valadares, do Monte Inxerio, da Calzada, do Espindro, do Torreiro, da Lagoa e Pedra Guinchada, da Lagoa e Vilarchán – Carboeiro, de Fulgueiro, da Serra e de Troitomil. Todas elas espazos sen ningún tipo de protección, a pesar de ser hábitats recoñecidos no Convenio Ramsar para a protección dos Humidais.
Ecoloxistas en Acción fai un traballo que debería asumir a Xunta
Trasladamos esta iniciativa tras unha xuntanza mantida con representantes de Ecoloxistas en Acción nas últimas semanas, na que participaron o candidato á alcaldía da Coruña pola Marea Atlántica, Xan Xove, e o noso voceiro provincial, Alberto Lema, ademais da número 4 da candidatura, Chiqui García.
Neste encontro, puidemos coñecer de primeira man o informe de humidais da provincia da Coruña que elaborou o colectivo ecoloxista no marco da súa campaña Humidais para a vida. Un traballo excelente, que merece todo o recoñecemento e que debería estar a facer a propia Xunta de Galicia se tivese a mínima preocupación polo medio ambiente e a conservación do territorio.
Tal e como se ven de sinalar no Día Mundial dos Humidais, o pasado 2 de febreiro, estes hábitats son básicos para a supervivencia humana xa que son berces de diversidade biolóxica, fontes de auga e de produtividade primaria das innumerables especies vexetais e animais que os precisan para subsistir. Porén, a súa desaparición está sendo tres veces máis rápida que a dos bosques, sendo xa máis do 35% dos humidais do mundo os que se teñen degradado ou perdido dende 1970. En tempos de secas recorrentes e dunha crise climática innegable, protexer estes espazos é fundamental.
Verteduras en San Finx
Doutra banda, presentamos unha moción conxunta con PSOE e BNG para reclamar que a Xunta retire a autorización que lle concedeu o 1 de febreiro á empresa Tungsten San Finx SL, para verter máis de 600.000 m3/ano de augas residuais tóxicas da súa mina en Lousame ao río San Fins, tributario do río Traba, co consecuente impacto sobre a ría de Muros e Noia, os seus bancos de marisqueo e varios espazos da Rede Natura 2000.
É unha demanda impulsada pola Asociación Vida é Ría de Noia, e apoiada tamén pola Marea Cidadá de Noia, que denuncia a total irregularidade desta autorización, da que son responsables a Directora de Augas de Galicia, o Subdirector Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico e a Xefa da Área de Vertidos. As verteduras de San Finx conteñen altísimas concentracións de cadmio, cobre e cinc, metais pesados que a empresa non é capaz de depurar.
Fronte a esta incomprensible agresión ambiental, reclamámoslle á Xunta de Galicia que retire a autorización, que cese ás persoas responsables de asinala, e que inicie a revisión de oficio do proxecto de explotación e do plan de restauración da mina de San Finx, aprobados en 2009 sen a obrigada avaliación de impacto ambiental.