O goberno de Inés Rey pediu unha revisión á alza dos valores do catastro, para aumentarlle o recibo da contribución a toda a veciñanza, e ocultouno nas negociacións orzamentarias
A documentación do proxecto de Orzamentos 2020 foi entregada hoxe, e será revisada a fondo para garantir o cumprimento dos acordos
Entre a súa toma de posesión e o 31 de xullo, o goberno de Inés Rey solicitou unha revisión á alza dos valores catastrais na cidade da Coruña, para subirlle indirectamente o Imposto de Bens Inmobles á veciñanza. Fíxose público o pasado sábado, 28 de decembro, coa publicación no BOE desta solicitude. Ocultárono nas negociacións das últimas semanas para darlle forma aos Orzamentos 2020, e tentaron ocultarllo á cidadanía coruñesa.
Tal e como sinalou Iago Martínez, vicevoceiro da Marea Atlántica, no Pleno Extraordinario celebrado hoxe en María Pita, “a suba xeralizada do 3% no IBI o ano que vén é unha decisión voluntaria, discrecional e unilateral do goberno municipal, e por tanto responsabilidade exclusiva da señora Rey”, ao tempo que insistiu en que durante as conversas sobre o proxecto orzamentario en ningún momento facilitou o PSOE unha previsión detallada dos ingresos municipais.
Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe, convocada tamén pola vía de urxencia, entregouse por fin a documentación completa do proxecto de Orzamentos para 2020, que será revisada a fondo para evitar máis sorpresas e garantir o cumprimento dos acordos.
A suba do IBI é xeralizada, por tratarse dun imposto liñal e determinado polo Estado. Todas as persoas contribuíntes veranse afectadas polo mesmo incremento, sexa cal sexa o seu nivel de renda. Non é nin redistributivo nin equitativo, non é o tipo de fiscalidade que se agardaría dun goberno progresista.
Abuso dos procedementos de urxencia
Doutra banda, Iago Martínez afeoulle ao goberno municipal a súa constante improvisación e opacidade, abusando dos procedementos de urxencia: “Só na última semana convocóusenos, de xeito extraordinario e urxente a un Pleno, á Comisión de Facenda, a unha Xunta de Goberno Local, e ao consello do IMCE, sen apenas tempo para estudar a documentación, e iso está a ser unha constante neste mandato”.
O vicevoceiro da Marea Atlántica advertiu, ademais, de que os Orzamentos do IMCE para 2020, presentados a semana pasada por sorpresa, non recollen varios dos acordos asinados entre o noso grupo e o partido socialista. Un erro moi grave que non debería repetirse.