O goberno municipal asegurou en setembro que tería fondos suficientes para pagar todas as prestacións sociais de 2019, incluíndo ás novas altas
Agora recoñece que hai un cento de persoas que teñen dereito á renda social, pero non a están a cobrar
A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que cumpra o acordado e se ocupe de resolver os impagos da Renda Social Municipal, despois das declaracións nas que recoñece que hai un cento de persoas ás que non se lles está a conceder a axuda á que teñen dereito. Afírmase con demasiada lixeireza que non se pode facer fronte ás novas altas na Renda Social, negándolles unha prestación para a que cumpren todos os requisitos, e faltando á palabra dada en setembro. Daquela aseguraban, tanto no Pleno como na Comisión de Benestar Social, que os fondos eran suficientes para rematar o exercicio 2019 con normalidade.
Foi o grupo da Marea Atlántica o que deu a voz de alarma no mes de agosto, cando se detectaron os primeiros impagos da Renda Social. O motivo, como advertimos no traspaso de poderes, foi que o bloqueo dos Orzamentos do ano 2019 deixou ao Concello sen fondos suficientes. Eran precisos 1,6 millóns, pero nas contas prorrogadas só había dos 1.028.393,84 euros.
Daquela, a alcaldesa Inés Rey e a concelleira Yoya Neira prometeron que o arranxarían de inmediato, pero houbo que agardar ao 30 de setembro para que levasen a Pleno un modificativo de crédito. Aumentaron 417.000 euros a Renda Social, e xa daquela avisamos de que podería non ser suficiente.
Hai meses que avisamos do problema, pero dixeron que todo estaría ben
Literalmente, na emenda que presentamos a ese modificativo e que foi aprobada cos votos do PSOE, dicíase: “Dando por boas as propias estimacións do goberno municipal, entendemos que este orzamento resultará suficiente para cubrir todas as necesidades até o remate do presente exercicio e que non se repetirá, en ningún caso, o acontecido nas últimas semanas, nas que cando menos 55 unidades familiares [despois soubemos que eran 150] se viron privadas de recursos básicos do sistema de benestar de proximidade aos que teñen dereito”.
O portavoz do goberno, José Manuel Lage, asegurou que os fondos chegarían para atender as novas solicitudes e pagar as prestacións xa concedidas. E o mesmo fixo a concelleira Yoya Neira na Comisión de Benestar Social, tamén o 30 de setembro. Pero agora recoñecen que era falso.
Ante esta situación, esixímoslle ao goberno municipal que cumpra coas súas responsabilidades e garanta o normal funcionamento da Renda Social. Porque se trata da última axuda á que pode optar unha persoa para evitar a exclusión, cando outras como a Risga xa lle foron denegadas. E dela dependen centos de fogares para poder ter unha vida digna. Por iso un dos puntos do acordo que asinamos entre a Marea Atlántica e o PSOE, tanto para o inicio do mandato como para os Orzamentos 2020 inclúe mellorar a dotación da Renda Social e vixiar para que estas situacións non volvan repetirse.