Saltar ao contido

Alberto Lema: “A Deputación colaborou en xaneiro cun campionato de caza de raposos, unha barbarie disfrazada de deporte. Esiximos saber en que termos e canto nos custou esa colaboración”

Segundo os datos da Xunta de Galicia, os cazadores matan cada a no unha media de 15.000 raposos en todo o país, con campionatos que estenden a tempada de caza

A  Marea Atlántica ven de rexistrar unha serie de preguntas dirixidas ao goberno da Deputación, para esixir que aclare se adicou cartos públicos a financiar a barbarie da caza de raposos. A Federación Galega de Caza organizou o pasado mes de xaneiro un campionato para matar raposos na provincia da Coruña e agradeceu, no seu comunicado posterior, “a colaboración da Deputación”. “Queremos que se aclare en que termos se produciu esta colaboración, e se houbo fondos públicos destinados a esta atrocidade disfrazada de deporte”, declara o noso voceiro provincial, Alberto Lema.

A Fundación Franz Weber fixo públicos esta semana datos oficiais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural de la Consellería de Medio Ambiente nos que sinala que cada ano os cazadores matan unha media de 15.000 raposos en Galicia. Unha crueldade á que non se pon límite, porque a Xunta confía nas estimacións que o propio lobby da caza fan da poboación de animais. E empregan estes campionatos para estender as batidas máis alá da tempada de caza.

“Sabemos que a Xunta de Galicia financia estas actividades e mesmo ten un convenio coa Federación Galega de Caza. A Deputación non debería cometer tamén o grave  un erro de apoiar o maltrato animal desde as institucións públicas”, resume Alberto Lema.

Control do couto de caza de Novo Mesoiro-Feáns

Doutra banda, desde a Marea Atlántica rexistramos tamén unha pregunta destinada á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para coñecer a situación actual do couto de caza (TECOR) San Fernando-Vicente, que se atopa moi próximo aos núcleos de poboación de Novo Mesoiro e Feáns e que, segundo os últimos datos feitos públicos en 2018, non conta coa superficie mínima esixida pola Lei de Caza. Consideramos que estas hectáreas estarían moito mellor dedicadas ao esparexemento da veciñanza que ao maltrato animal. “A actividade cinexética non é compatible co uso público do monte a carón dunha cidade de case 250.000 habitantes, polo risco que representa”, declara a voceira  do Grupo Municipal María García, que este domingo asistiu á manifestación contra a caza convocada por colectivos animalistas.

Está a Deputación da Coruña a financiar a matanza de raposos?