Saltar ao contido

O sábado, en Monelos, un cento de persoas e vinte entidades sociais da Coruña, xunto a Anova e Verdes-Equo, sinalaron os problemas que lles gustaría ver resoltos dentro de dez anos, para construír unha Coruña máis xusta, verde, feminista e democrática

O 90% das persoas asistentes reclamaron medidas desde o Concello para atender á saúde mental, e o 78% sinalaron a falta de acceso á vivenda coma un problema grave

A mobilidade, os coidados e a falta de espazo público apareceron de xeito transversal na maioría das mesas de traballo

O candidato da Marea Atlántica á alcaldía da Coruña, Xan Xove, e a nosa voceira municipal, María García, fixeron hoxe balance do acto celebrado este sábado no Centro Cívico de Monelos, no que un centenar de persoas e unha vintena de entidades sociais achegaron ideas, prioridades e propostas para construír A Coruña da vindeira década, unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática. Foi o punto de partida para elaborar o programa electoral participativo da Marea Atlántica, que continuará nos vindeiros dous meses con diversos encontros sectoriais e de barrio. 

“Quedou claro que á xente lle preocupa o acceso á vivenda, a mobilidade, a desigualdade, a transición ecolóxica e a emerxencia climática, os coidados e a saúde mental. Tamén a integración dos peiraos na cidade e a falta de espazo público. Cuestións nas que a Marea Atlántica leva traballando desde o seu nacemento, e cuestións nas que o goberno de Inés Rey asinou cordos que ben incumpre, ben implanta con desgana e desdibuxados ”, resumiu Xan Xove. 

O candidato salientou que “cando a Marea Atlántica fala dun plan de vivenda, o goberno de nés Rey  di que si, e logo non fai. Cando pedimos que  se regulen os pisos turísticos, o goberno di que non pode, logo que si pero non, e ao final non fai. Cando a Marea Atlántica fala de enerxías renovables, o goberno di que si e logo non fai. Cando deseñamos un plan de saúde mental, o goberno di que si e logo non fai. E o mesmo co incremento de zonas verdes, coa participación cidadá ou do porto. Se queremos que o Concello da Coruña se ocupe destes asuntos, vai ter que ser cun goberno da Marea Atlántica”.

María García explicou que o acto de Monelos comezou cunha pequena enquisa realizada a través do móbil, para identificar prioridades que logo se desenvolveron en mesas de debate e dinámicas de traballo, partindo dos eixes dunha cidade xusta, verde, feminista e democrática: “E detectouse un forte consenso á hora de poñer sobre a mesa os principais retos da cidade. Cuestións coma o transporte público, os coidados, a vivenda ou a falta de zonas verdes e espazo público apareceron en todos os grupos, por exemplo”. 

No cuestionario que realizamos as resposta que máis consenso reuniu foi que o Concello da Coruña debe reforzar as súas políticas de saúde mental. O 90% sinalou que si, xa que non está a facer nada ou case nada. Existe un Plan de Saúde Mental aprobado grazas á Marea Atlántica e que tivo fondos no orzamento do ano pasado, pero os seus avances son escasos.

A regulación dos pisos turísticos, unha demanda clara

O 78% das persoas asistentes sinalaron que existe un problema severo de vivenda na Coruña, non en van xa vivimos na cidade co maior prezo medio do alugueiro de toda Galicia. E cando se lles pediu que puntuaran de 0  10 a necesidade de regular o sector dos pisos turísticos, a resposta media foi de 7,8. 

No que respecta ao cuestión ambiental, o 56% advertiron de que A Coruña está a facer pouco para afrontar a emerxencia climática, mentres que o 41% pensa que non o está nada en absoluto.

Do mesmo xeito, as asistentes denunciaron que o Concello da Coruña experimentou un retroceso en participación, e tanto a veciñanza coma os colectivos organizados teñen problemas para falar co goberno. O 73% cre que o Concello é pouco participativo, fronte ao 24% que pensa que non o é nada.

Foi tamén significativo que o 72% das persoas sinalaron que o porto da Coruña non está nada integrado na cidade, a pesar da apertura dos peiraos e as actividades que se están a desenvolver alí. O 21 afirmou que a integración porto-cidade existe, pero é pouca. Fica claro que hai moito que facer para devolverlle á Coruña o usos dos seu bordo litoral, con actividades máis diversas e democratizadas.

Outra carencia que se advirte é na colaboración da Coruña cos Concellos veciños, que é mala para o 42% das persoas que estiveron onte en Monelos, e regular para o 46%. Como detalle, lembro que a Mesa de Alcaldías da área metropolitana, creada no mandato de Xulio Ferreiro e na que se trataron temas coma o transporte ou a coordinación fronte á seca de 2017, non se reuniu nin unha soa vez desde que Inés Rey ten o bastón de mando.

Consolidar o proxecto que leva oito anos marcando a axenda

Nesta liña seguiremos a traballar nos vindeiros dous meses, nun proxecto de futuro para unha cidade máis xusta, verde, feminista e democrática, para configurar un programa electoral participativo que dea resposta aos retos da Coruña de hoxe. E para desenvolver o modelo de cidade co que a Marea Atlántica leva oito anos marcando axenda, desde o goberno e desde a oposición. Quen queira sumarse ao proceso, sempre terá as portas abertas.

Xan Xove: “Se queremos que o Concello da Coruña se ocupe da vivenda, da mobilidade, da transición ecolóxica ou da saúde mental, vai ter que ser coa Marea Atlántica no goberno”