Saltar ao contido

Na Rede de Barrio celebrada hoxe, escoitou as preocupacións das familias afectadas polo anuncio da ampliación do CHUAC e anunciou que presentará unha moción para defender os seus intereses. A Xunta aínda non contactou con elas

A Marea Atlántica celebrou esta mañá unha nova edición da Rede de Barrio no Centro Cívico de Eirís, centrada en escoitar as preocupacións das ducias de familias afectadas polo anuncio da ampliación do hospital da Coruña, coas que aínda non se puxo en contacto a Xunta de Galicia. Por iso, anunciamos iniciativas tanto no Concello como no Parlamento de Galicia.

“Presentaremos unha moción no Pleno para esixir que se lles facilite toda a información, coa máxima transparencia. O novo CHUAC é moi importante e necesario, pero non xustifica que alguén se teña que enterar pola prensa de que vai perder a súa casa”, asegurou María García, a nosa voceira municipal. E criticou que o goberno municipal do PSOE se apresurase a aplaudir o proxecto a cegas, só por ter a Inés Rey nunha foto con Feijóo.

Reciclando propostas de hai 20 anos

Ante as preto de cen persoas asistentes, o concelleiro Xiao Varela, ex-responsable de Rexeneración Urbana, analizou as infografías presentadas polo goberno da Xunta, e denunciou que “recicla boa parte das promesas que xa escoitamos en 2001, cando anunciou o Plan Director do CHUAC, promesas que 20 anos despois seguen sen cumprirse”. Hai, con todo, unha diferenza: “O Plan Director respectaba a normativa urbanística, pero este novo anuncio de propaganda non ten en conta o PXOM. Dálles ás parcelas usos que non poden ter”.

O deputado Xan Xove, do Grupo Común da Esquerda, asistiu tamén á Rede de Barrio e adiantou que presentará no Parlamento de Galicia varias preguntas para o goberno de Feijóo, na procura de toda a información dispoñible sobre este proxecto. “É obvio que a área sanitaria da Coruña precisa un novo hospital, pero terá que facerse con estudos serios, orzamento e prazos realistas, non coma un anuncio a poucos meses das eleccións, xogando coa vida de moitas persoas”, afirmou Xove.

Quen se ocupa das expropiacións?

Xiao Varela asegurou que, desde a Marea Atlántica “faremos todo o posible para que as expropiacións, de facerse, se fagan cumprindo escrupulosamente a legalidade, para evitar desastres como os do Ofimático ou San Vicente de Elviña, que vivimos noutros gobernos do PSOE”. Fixo un chamamento a buscar alternativas que non pasen necesariamente pola expropiación. Hai que buscar solucións que coiden dos residentes orixinais, “como se fixo no pasado mandato no caso do Camiño do Pinar”.

En todo caso, Varela sinalou que a ampliación do CHUAC, ben pensada e deseñada, ten que servir non só para mellorar os servizos sanitarios, senón para humanizar os accesos e a mobilidade no barrio de Eirís e a avenida da Pasaxe.

En defensa da Sanidade Pública

Finalmente, María García insistiu en que “un novo hospital será unha excelente noticia a medio prazo, pero non resolverá os problemas urxentes da Sanidade Pública”. Problemas como a falta de persoal sanitario nos centros de saúde, as crecentes listas de agarda, as mortes nos corredores de urxencias, o desmantelamento de servizos como os Centros de Orientación Familiar de Orillamar e o Ventorrillo ou o paridorio de Verín (contestado pola mobilización social) e a precariedade laboral no Sergas. “Diso é do que se ten que ocupar Feijóo”, concluíu a voceira da Marea Atlántica.

No novo hospital: Transparencia e trato xusto á xente de Eirís