Saltar ao contido

Diante da convocatoria electoral anunciada no día de hoxe polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a coordinadora da Marea Atlántica,  

  1. Lamenta que unha vez máis o Partido Popular de Galicia condicione a institucionalidade galega aos seus propios intereses electorais, adiantando de xeito inxustificado as eleccións autonómicas e renunciando con isto a que o noso país poda decidir o seu futuro sen condicionantes externos. Non deixa de ser este o último exemplo da falta de proxecto de país que levamos sufrindo máis dunha década en Galicia e que se ten manifestado no agravamento neste tempo da crise demográfica, ambiental, económica e do emprego e cultural baixo o mandato de Alberto Núñez Feijoo.
  2. Manifesta a súa vontade de cooperar na construcción dunha alternativa electoral ampla que sexa reflexo unitario da pluralidade do espazo político do cambio en Galicia e de contribuír con todo o capital político acumulado nestes anos. O municipalismo debe ter un papel activo na construción da alternativa política ao PP de Galicia e traballar para contribuir á conformación dun espazo de integración que permita derrotar á dereita, un espazo onde non sobre ninguén e no que a Marea ten moito co que contribuir en tanto forza de confluencia con experiencia de goberno e de encontro de sensibilidades diversas e de proxección dunha política diferente.
  3. Fai un chamamento ás diversas forzas políticas do espazo do cambio en Galicia e ás mareas municipalistas de todo o país a acadar un acordo para reunirse ao redor dunha única candidatura que permita o obxectivo de posibilitar un goberno progresista e galeguista a partir do vindeiro 5 de abril

De cara á consecución deste último obxectivo, a coordinadora da MA vén de convocar hoxe mesmo unha Rede para este mércores onde se someterá a debate a forma na que a Marea Atlántica tomará partido nestas eleccións autonómicas e acelerará os encontros previstos para os próximos días coas forzas políticas do cambio.

A Marea Atlántica tomará partido nas autonómicas e acelera o calendario de encontros coas forzas do cambio