Saltar ao contido

María García: “Sexa cal sexa a cor do goberno en Madrid, temos que esixirlle que resolva as súas moitas débedas coa área metropolitana máis dinámica de Galicia: a cidade ten que ir sempre primeiro que os intereses partidistas”

O grupo municipal da Marea Atlántica insta a Inés Rey a cumprir o acordo da Corporación e convocar canto antes un Pleno Extraordinario para analizar as contas pendentes do Estado coa cidade da Coruña e lanzar unha demanda conxunta ao novo goberno central. O pasado xoves, 6 de febreiro, o Pleno ordinario do Concello aprobou unha moción da Marea Atlántica para instar á convocatoria desta sesión especial.

María García, voceira municipal da Marea Atlántica, pediulle á alcaldesa que “atenda á súa promesa de respectar as decisións do Pleno e empregue a súa capacidade de convocar un Pleno Extraordinario”. E lembrou que “sexa cal sexa a cor do goberno en Madrid, temos que esixirlle que resolva as súas moitas débedas coa área metropolitana máis dinámica de Galicia. A cidade ten que ir sempre primeiro que os intereses partidistas”.

Demasiadas contas pendentes

Seguimos sen saber nada de asuntos tan importantes como a débeda da Autoridade Portuaria, que hipoteca o futuro do bordo litoral; a humanización de Alfonso Molina, a pasarela de Pedralonga, a mellora do tren de cercanías ou a conexión ferroviaria con Punta Langosteira. Noutros casos, como a Intermodal, o ADIF, dependente do Estado, dá pasos cara atrás e pon problemas ao proxecto da estación, semella que na procura de aumentar a súa explotación comercial. E na Maestranza, o Ministerio de Defensa optou por vender as súas parcelas do Campo da Estrada para facer caixa antes que dedicalas ao ben común.

A visita do ministro Ábalos á Coruña, hai uns días, non convidou ao optimismo. Por iso insistimos na necesidade de lanzar unha reclamación unánime desde a Corporación Municipal.

Instamos a Inés Rey a convocar canto antes o Pleno Extraordinario sobre as débedas do Estado coa Coruña