Saltar ao contido

Tamén saíron adiante as nosas mocións contra a construción de vivenda na Maestranza e para esixir o cumprimento do Acordo Marco sobre o persoal do Concello

 Sete meses despois da súa toma de posesión, por fin, o Pleno aprobou o primeiro trámite para que Emalcsa poida crear o operador enerxético 100% público impulsado pola Marea

A Corporación municipal da Coruña aprobou hoxe a proposta da Marea Atlántica para convocar un Pleno Extraordinario centrado en analizar as moitas promesa incumpridas que o Estado acumula na cidade da Coruña. Saiu adiante co apoio de Ciudadanos e o Partido Popular, e a abstención de BNG e PSOE. Como explicou a nosa voceira, María García, “sexa cal sexa a cor do goberno en Madrid, temos que esixirlle que resolva as contas pendentes coa área metropolitana máis dinámica de Galicia. E nós temos a liberdade de facelo, día tras día se é preciso”.

García lembrou que estamos a ver, xa desde hai moitos anos, “cero resultados” na condonación da débeda da Autoridade Portuaria, algo que si se fai en Valencia, ou na nova estación Intermodal, á que agora o Ministerio de Transportes  volve poñerlle problemas –coa posible intención de gañar solo de uso comercial e facer caixa con usos lucrativos–. “Tampouco vemos avances na humanización da Avenida da Vedra, na pasarela de Pedralonga que a veciñanza leva vinte anos reclamando, ou na mellora do ferrocarril de proximidade, entre outras moitas cuestións”.

A voceira da Marea Atlántica afeoulle ao ministro de Transportes, José Luis Ábalos, que pasara pola Coruña sen reunirse con ninguén para desbloquear estas cuestións, e á alcaldesa que “presuma dunha liña directa coa Moncloa que non é máis que fume”, mentres se reúne con Feijóo para sumarse á foto do anuncio do novo CHUAC. Un anuncio, por outra banda, “sen prazos, sen orzamentos e sen ter en conta á veciñanza afectada”, que se enterou pola prensa de que as súas casas podían ser expropiadas.

Contra a prohibición de exhibir pancartas

Unha parte das veciñas de Eirís afectadas polo anuncio do novo hospital estiveron presentes no Pleno, xunto co cadro de persoal de Isidro 1952 (antiga Isidro de la Cal) sobre quen pesa un ERE polo peche da empresa, representantes da Comisión en Defensa do Común, da asociación veciñal da Cidade Vella, persoal municipal e representantes sindicais. Ningún destes grupos puido amosar pancartas coas súas reivindicacións porque a alcaldesa Inés Rey declarouno prohibido. Solicitámoslle que retire este lamentable veto e permita a liberdade de expresión, tal e como se facía no anterior mandato.

A Marea Atlántica presentou outras dúas mocións, que tamén resultaron aprobadas neste Pleno do mes de febreiro. Foi o caso da iniciativa para reclamar que non se permita a construción de vivendas no Campo da Estrada, nas parcelas que o Ministerio de Defensa vendeu a porta pechada. Contou co apoio do BNG e Ciudadanos, e saiu adiante co voto de calidade da alcaldesa. O concelleiro Xiao Varela denunciou que “xa se pediron licenzas para 156 vivendas en dous bloques, con tres plantas de garaxe, o que tería un grave impacto na paisaxe e nos xacementos arqueolóxicos da zona”.

Varela puxo sobre a mesa un informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que recoñece que existen restos das murallas históricas nesas parcelas, e que este tipo de restos sempre teñen, xa de oficio, unha protección especial. Polo tanto, instou ao goberno municipal a poñer en marcha o Plan Especial de Protección da Cidade Vella e impedir que unha administración xogue a ser unha inmobiliaria.

Finalmente, Alberto Lema defendeu unha moción para denunciar que o goberno municipal está a incumprir o Acordo Marco do persoal ao servizo do Concello da Coruña, asinado en maio. “Todas as centrais sindicais coinciden en sinalar que este pacto non se está a respectar, con problemas graves na negociación colectiva, no sistema de promoción interna e coa suspensión de concursos en marcha”, explicou Lema, quen tamén requiriu a convocatoria da Mesa de Seguimento do acordo, pendente desde hai sete meses.

Esta iniciativa foi aprobada por unanimidade, pero na súa quenda de intervención, o concelleiro de Facenda, José Manuel Lage, amosou que non cre no diálogo cos sindicatos e o persoal. E mesmo empregou datos falsos, como afirmar que en oito anos non se renovou a Relación de Postos de Traballo do Concello, cando no anterior mandato chegaron a facerse dúas actualizacións, en agosto de 2017 e máis en abril de 2019.

Avances no operador enerxético

O Pleno deu, ademais, un paso importante para permitir que Emalcsa asuma a creación dun operador enerxético 100% municipal, tal e como foi acordado no pacto á coruñesa entre o PSOE e a Marea Atlántica. Foi un trámite para recoñecer a Emalcsa como medio propio municipal, un proceso sinxelo que recibiu o apoio unánime da corporación e que o goberno de Inés Rey tardou sete meses en iniciar.

Na súa intervención, María García salientou que un operador enerxético municipal, como o que xa funciona en Barcelona, serviría para “cubrir o subministro eléctrico do Concello con enerxías renovables, dar servizo a familias con problemas económicos e evitar que se lles corte a luz, abordar a xeración de enerxía renovable propia e crear postos de traballo no sector da enerxía”.

A Corporación respalda a proposta da Marea Atlántica de convocar un Pleno Extraordinario sobre as contas pendentes do Estado coa Coruña