Saltar ao contido

María García: “Sospeitamos que o PSOE desaproveitou a bolsa de 3,3 millóns de euros anuais que o contrato de coidado das zonas verdes inclúe para melloras, e que poderían usarse para avanzar nos Bosques da Coruña, por exemplo. Denegáronnos o acceso ao expediente. Que teñen que ocultar?”

Pedímoslle á alcaldesa que regularice a situación de Nostián logo de máis dun ano co contrato caducado e busque fondos europeos para modernizar a planta

A voceira da Marea Atlántica, María García, reclamou hoxe na Comisión de Medio Ambiente o goberno municipal dea explicación de en que gastou os 6,6 millóns previstos nos dous últimos anos para a mellora dos parques e xardíns da cidade, datos que o executivo local foi incapaz de ofrecer. “Sospeitamos que deixaron sen aproveitar os 3,3 millóns anuais que se inclúen no contrato de coidado das zonas verdes para actuacións de mellora” di a nosa voceira. Pedimos acceso ao expediente para comprobalo e foinos denegado. Que teñen que ocultar? 

“É absurdo non empregar eses recursos, que poden usarse para avanzar en proxectos pendentes como a creación dos Bosques da Coruña en Feáns e nos Rosales, que teñen proxectos listos para aprobarse, con permisos, pero seguen gardados un caixón. Outra mostra da grave parálise na que se atopa a Consellería de Medio Ambiente, denuncia María García. 

O novo contrato de parques e xardíns, debe ser renovado, pois finaliza en xullo deste ano e xa chegarán tarde. Esta mesma semana reunímonos coa representación sindical do servizo que demanda máis información é que se racionalice o reparto de lotes de traballo. Queren evitar problemas laborais, falta de eficiencia e duplicación de maquinaria, e solicitan que o goberno lles escoite. A Marea Atlántica solicitou na comisión que se publique o borrador dos pregos para que poida ser coñecido e analizado con transparencia. 

Planta de Nostián
Planta de tratamento de residuos en Nostián

Problemas en Nostián

Ademais, María García urxiu á alcaldesa a que regularice canto antes a situación da planta de Nostián, que leva máis dun ano co contrato caducado e sen lograr un só avance na xestión, mentres as cifras de recuperación de envases decaen. Pedímoslle, tamén, que busque fondos europeos para modernizar a planta. 

Como sinala García, “o PSOE chegou ao goberno tiña os pregos listos para renovar o contrato de Nostián, herdados da Marea Atlántica, pero non foi quen de licitalos. Deixou que o contrato caducase, interveu a planta sen iniciar aínda a licitación. E dous anos despois seguimos en situación irregular, mentres a planta se deteriora cada día. Que lle pasa a Inés Rey?”. 

Mentres tanto, a Xunta lanza mentiras sobre o modelo de Nostián, insinuando falsamente que é un modelo contrario ás recomendacións da UE. A nosa voceira explica que “é xusto ao revés, se o goberno municipal tivese iniciativa, a planta e reciclaxe podería optar a fondos europeos para mellorar a maquinaria. Pero Inés Rey cala antes as acusacións de Feijóo e nin sequera fala co Consorcio das Mariñas, que non ten datos de primeira man sobre o futuro da planta”. O cadro de persoal paga tamén as consecuencias: están á espera, sen melloras laborais e sufrindo o deterioro da maquinaria. 

Este desastre na xestión nótase tamén nos malos dato de reciclaxe: no último trimestre de 2020 recuperáronse na Coruña 56.220 quilos menos de papel e cartón ca no mesmo período do ano anterior, segundo os datos oficiais da Concellería de Medio Ambiente. Un grave paso atrás.

Na mesma cidade, coa mesma poboación, a recuperación de materiais en Nostián medrou un 30% entre 2015 e 2018, mellorando tanto a separación nos contedores como a separación na rúa. Así o indican os estudos da Universidade da Coruña. En 2017 e 2018, gobernando a Marea Atlántica, o Concello recibiu o premio Pajaritas Azules en 2017 e 2018 pola súa excelencia na recuperación de papel e cartón. 

Melloras pendentes nas hortas urbanas

Do mesmo xeito, seguen pendentes as melloras nas ecohortas, unha iniciativa da Marea Atlántica premiada agora pola FEMP. O acordo que fixo posible a aprobación dos Orzamentos 2020, entre a Marea e o PSOE incluía melloras  nas hortas urbanas do Parque de Carlos Casares en Monte Alto e novas parcelas en en Palavea, pero non se cumpriu. Tampouco se abriron as hortas do parque de Oza, lista hai máis dun ano.

O goberno de Inés Rey é incapaz de explicar en que gastou os 6,6 millóns de euros para proxectos e melloras en parques e xardíns