Saltar ao contido
Paisaxe verde, parque, natureza en A Coruña

María García: “O coidado e expansión das zonas verdes é unha das principais estratexias na loita contra o cambio climático, e Inés Rey está a esquecela por completo”

O goberno de Inés Rey só se lembra da infraestrutura verde cando hai que recoller galardóns do traballo realizado no pasado mandato, coma o da FEMP que premia as Ecohortas

 

O grupo da Marea Atlántica reclámalle ao goberno de Inés Rey que someta os pregos do futuro contrato de parques e xardíns a exposición pública, para que poidan recoller aportacións do sector e da veciñanza. A nosa voceira, María García, sinala que “neste mandato estamos a ver un forte retroceso dos compromisos ambientais e unha volta ao cemento. Por iso esiximos un cambio de rumbo, que debe comezar coa participación pública no deseño do mantemento de arborado e as zonas verdes”. 

García explica que o coidado de parques e xardíns debe ir máis aló de poñerlle unha guitarra á estatua de John Lennon, sendo unha oportunidade para “combinar xardinería urbana co coidado do medio ambiente e a loita contra a crise climática. E o momento de facelo é agora, antes de licitar o contrato e deixalo bloqueado durante anos”. 

O goberno de Xulio Ferreiro sacou a exposición pública os pregos de Limpeza Viaria e Recollida de Lixo, incorporando numerosas achegas da veciñanza, a Universidade e o cadro de persoal dos servizos, entre outros colectivos. Foi un proceso que mellorou os contratos que agora están a entrar en vigor, engadindo cláusulas sociais, ambientais e mesmo fomentando o uso do galego. “Dada a carencia de zonas verdes na Coruña, moi por debaixo das recomendacións internacionais, é necesario actuar tamén en parques e xardíns e non licitar a porta pechada, coma un mero trámite. A xente da Coruña demanda máis e mellores zonas verdes ”. 

“O coidado e expansión das zonas verdes e da vexetación urbana é unha das principais estratexias de loita contra a crise climática e adaptación aos seus efectos”, argumenta García. Pero, “a xestión de Inés Rey neste eido é inexistente, nin mellora os parques nin se ve compromiso ambiental. Só se acorda del cando precisa encher un oco na  propaganda diaria”. 

Ronsel de proxectos incumpridos

Deste xeito, lembramos que os acordos entre a Marea Atlántica e o PSOE relacionados coas zonas verdes están sen cumprir, tanto no pacto para o inicio do mandato como nos Orzamentos 2020. Non houbo avances na creación dos Bosques da Coruña nos Rosais e Feáns, nin nas melloras nas sendas fluviais do Río Quintas, en Palavea, e do Río Feáns. E, moi especialmente, foi paralizado o Plan de Infraestrutura Verde, con Solucións Baseadas na Natureza, iniciado pola Marea Atlántica. 

“O Plan de Infraestrutura Verde cítase á hora de recoller premios, como que a FEMP vén de concederlles ás hortas urbanas, pero está completamente desaparecido. E non, on consiste en pintar o chan de verde, como anuncian no proxecto para a rúa Alcalde Marchesi. Consiste en empregar a vexetación urbana dun xeito beneficioso para a cidade, reducindo a contaminación ambiental e mellorando o espazo público”, lembra María García. 

Engade que as prometidas melloras nas ecohortas forman parte tamén da longa lista de incumprimentos: seguen sen abrirse as parcelas en Oza, listas desde hai máis dun ano, non houbo melloras nas do Parque de Carlos Casares en Monte Alto, e non se crearon as novas hortas en Palavea. Tampouco se ocuparon as prazas baleiras na Agra do Orzán, e mesmo hai plans para borralas do mapa para facerlle sitio a unha urbanización de vivendas en Visma. 

A noas voceira tamén sinala ao Plan de Expansión de Arborado como “outro gran desaparecido, a pesar de que foi un éxito no mandato anterior e aumentou o número de árbores nun 10%, coa plantación de 1.500 novos exemplares, que agora este goberno debería preocuparse en coidar”

O concepto de Infraestrutura Verde de Inés Rey é pintar o cemento de verde, como fan no proxecto da rúa Alcalde Marchesi. Unha oportunidade perdida para mellorar o ciclo da vexetación e da auga, humanizar o espazo público e prepararnos para os retos da emerxencia climática.

Tal e como resume María García, “Inés Rey ten ducias de compromisos sen cumprir e ducias de proxectos no caixón que podería usar para mellorar a vida na Coruña, ampliar as zonas verdes e combater o cambio climático, pero elixe non facer nada”. 

Reclamamos que os pregos do futuro contrato de parques e xardíns se sometan a exposición pública