Saltar ao contido

O compromiso indefinido co tren a Langosteira parece un avance en contraste co acadado por Inés Rey o 23 de febreiro, pero non pode ocultar os graves pasos atrás en canto á débeda

O presidente da Xunta e o ministro de Transportes insistiron, repetidas veces, en que A Coruña terá que tragar cos “compromisos adquiridos” en 2004. Están a preparar o terreo para un pelotazo inmobiliario na fachada marítima

 

A Marea Atlántica amosa a súa preocupación polas declaracións realizadas hoxe polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, tras a súa reunión en Madrid, na que abriron a porta a un pelotazo inmobiliario nos peiraos da Coruña. Ambos insistiron repetidamente en “manter os compromisos adquiridos” pola Autoridade Portuaria para solucionar a súa débeda. Feijóo foi aínda máis lonxe e falou de “abordar coa cidade a orientación dos peiraos cun urbanismo responsable e cos compromisos que a cidade adquiriu no seu día”.

Estes compromisos, que non chegou a enunciar, están claros: son os asinados en 2004 e implican vender os peiraos de San Diego e Batería para facer caixa, construíndo até 4.000 vivendas e centros comerciais ao carón do mar. É lamentable que Feijóo, que aínda non hai un mes esixía a condonación da débeda como se fixo en Valencia, baixe a cabeza deste xeito cando pon un pé en Madrid.

O ambiguo compromiso de darlle luz verde á conexión ferroviaria con Punta Langosteira, sen aclarar cando e como se vai financiar, parecería un pequeno paso adiante en contraste co fracaso histórico do cumio convocado por Inés Rey en María Pita o pasado 23 de febreiro. Pero non pode ocultar as gravísimas declaracións ao respecto da débeda.

Neste sentido, pedímoslle á alcaldesa que aclare se está de acordo co que defende o ministro do seu partido, rachando os consensos dos últimos anos sobre o futuro do bordo litoral da Coruña.

Na Coruña, usura; en Valencia, condonación

Cómpre lembrar que a Autoridade Portuaria da Coruña tivo que asumir en solitario a construción da dársena exterior de Punta Langosteira, unha infraestrutura sinalada como de “interese xeral” polo mesmo Estado que se negou a financiala. Para iso, asumiu un crédito de 200 millóns de euros con Puertos del Estado, que conta cuns intereses de usura, dez veces superiores aos que fixou o Banco Europeo de Investimentos, o outro acredor do porto coruñés. Nos últimos anos, a Autoridade Portuaria pagou xa 36 millóns de euros en intereses sen chegar a amortizar un só euro do crédito de Puertos del Estado.

Mentres na Coruña o Estado hipoteca os peiraos para facer caixa, en Valencia condonouse por completo unha débeda maior, de case 400 millóns de euros, e cunha orixe que nada tiña que ver co interese xeral. O endebedamento da Marina de Valencia proviña de pagar a Copa América e a Fórmula 1, e foi condonado sen problemas polo mesmo Ábalos que agora lle esixe á veciñanza coruñesa que sacrifique a fachada marítima no altar dos beneficios.

O mesmo ocorre coa conexión ferroviaria a Castellón. Custa 140 millóns de euros, e o Estado xa lle deu luz verde. O enlace de Punta Langosteira por tren custa o mesmo e o único que se obtén, xuntanza tras xuntanza, é un “xa veremos como se paga”. As ambiguas referencias neste caso contrastan coa meridiana claridade de prazos, compromisos e investimento que se ofreceu sobre a saída sur da cidade de Vigo.

Finalmente, lembramos que o Concello da Coruña é a principal administración con competencias sobre o planeamento dos peiraos. E que os votos da Marea Atlántica en ningún caso estarán dispoñibles para lanzar operacións inmobiliarias sobre eles. Estaremos en fronte.

Feijóo renuncia á condonación da débeda do Porto ante Ábalos e abre a porta a vender os peiraos