Saltar ao contido
Porto da Coruña

María García: “Pódese dicir máis alto pero non máis claro, a débeda será a escusa para edificar en San Diego e Petroleiro. Pode condonarse, pero non queren”

PP e PSOE insisten en celebrar que se “encamiñe” o tren a Punta Langosteira, pero o certo é que seguimos sen saber nin os prazos para executalo nin de onde sairá o financiamento

 

A Marea Atlántica amosa a súa preocupación polas últimas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que confirmou que a condonación da débeda non ocupou nin un minuto da súa xuntanza do mércores co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, e repite a oferta que xa fixera en 2018: investir nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, no centro da cidade, e deixar os de San Diego e Petroleiro libres para calquera operación inmobiliaria. 

A nosa voceira, María García, criticou que Feijóo dea pasos atrás nos consensos dos últimos anos sobre o futuro da fachada marítima da Coruña, e dá un aviso: “Están a preparar o terreo para que a débeda sexa a escusa que xustifique o pelotazo nos peiraos. Pode condonarse, como se demostrou en Valencia, pero non queren. Prefiren mantela e dicir que, como non pode pagarse, hai que facer caixa cos terreos do porto interior”. 

Cómpre lembrar que o protocolo que Feijóo asinou en 2018 co daquela ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, excluíndo ao goberno de Xulio Ferreiro, tiña unha chea de puntos escuros. Centrábase nas dársenas de Calvo Sotelo e Batería, pero non mudaba a situación nos 370.000 metros cadrados de San Diego e Petroleiro, a peza maior da operación urbanística. Alí, non o esquezamos, está previsto construír 4.000 vivendas ao carón do mar, estragando todo o potencial pesqueiro produtivo do espazo, que hoxe é pulmón económico e de emprego. É o que figura nos convenios de 2004, que seguen en vigor a pesar de todas as promesas.

Os interrogantes da conexión ferroviaria ao porto exterior

En canto ao anuncio de “encamiñar o tren”, tan celebrado por PP e PSOE, o certo é que se trata dun titular sostido por unha chea de interrogantes. Nas súas declaracións desta semana, nin Feijóo nin Ábalos ofreceron ningún dato concreto: non hai prazos, non se sabe quen o vai executar (ADIF? O Ministerio de Transportes? Outra entidade?), non se sabe quen o vai pagar (falouse vagamente de fondos europeos, sen aclarar cales) nin cal vai ser a fórmula escollida para garantilo. Haberá un convenio? Pedirá algo o goberno do Estado a cambio? 

“Benvido sexa o tren, se chega, pero nestes momentos parece máis un anuncio para agochar a intención de vender os peiraos ca un compromiso real. Todo apunta a que Feijóo aceptou o tren a cambio de pechar a boca sobre a condonación da débeda e a venda dos peiraos. E iso pode ser un bo trato para Feijóo, pero é malísimo para a cidade da Coruña”, sostén María García. 

Defendamos os consensos de anos anteriores. 

Unha vez máis, teremos que defender os consensos que se ratificaron xa en varias ocasións no Concello da Coruña, a Deputación e o Parlamento de Galicia, pero que PP e PSOE abandonan en canto teñen ocasión. Os mesmos que 5.000 persoas reclamaron na rúa en 2017:

  • Condonación da débeda portuaria para levantar a hipoteca sobre os peiraos interiores, tal e como se fixo en Valencia. 
  • Uso e titularidade públicas dos terreos portuarios. Nada de vender solo para especular.
  • Financiamento do tren a Punta Langosteira para facer viable o porto exterior. Pode optar a fondos europeos Next Generation. 
  • Que o porto siga a ser un porto: protexamos a lonxa, a pesca e a economía do mar. Non estraguemos un motor de riqueza e emprego e un símbolo da Coruña.
  • Os terreos en desuso deben mellorar a cidade: espazos libres, zonas verdes, mobilidade sostible, equipamentos.
  • Participación cidadá: tomemos as decisións en diálogo coa rúa, non tras a porta pechada dun despacho.

Feijóo renuncia á condonación da débeda do porto da Coruña e volva ao seu plan de 2018: un pelotazo urbanístico nos peiraos