O estado ruinoso do edificio, ademais de supor un perigo polos desprendementos da fachada, ten filtracións de auga que poñen en risco as pinturas do artista, patrimonio cultural da cidade
As asociacións O Mural e In Nave Civitas levan dende xullo de 2021 reclamando ao Concello que actúe porque a obra está no catálogo de patrimonio da zona PEPRI. Non tiveron resposta
A Marea Atlántica insta ao goberno local a protexer as obras do emblemático pintor coruñés, Urbano Lugrís que se atopan no baixo do edificio número 25 da rúa dos Olmos. O inmoble atópase nunha situación de total abandono, con desprendementos da fachada e filtracións de auga que están danando as pinturas.
Segundo Xan Xove, candidato á alcaldía da Marea Atlántica, que se reuniu esta mesma semana coa Asociación Cultural O Mural, “unha destas obras, o mural que cubre o teito do baixo, atópase recollida no catálogo de patrimonio do PEPRI da Cidade Vella e Pescaría, e o goberno debería de actuar canto antes para protexelo e frear o seu deterioro antes de que sexa irreversible” e engade, “O goberno local non pode lavar as mans mentres agarda a que a Xunta a declare BIC. Son pinturas dun artista coruñés especialmente relevante e querido, o seu legado perténcelle a cidadanía. Inés Rey ten que protexelas xa”.
Sen resposta dende xuño de 2021
Hai xa un ano e medio dende que as Asociacións Culturais O Mural e In Nave Cívitas advertiron da situación de risco para as pinturas de Lugrís, que empeorou rapidamente dende que pechou o restaurante que estaba no baixo. Ambos colectivos reclaman protección por parte do Concello do emblemático mural de 1951 que se atopa no teito curvado do local e do resto de pinturas, sen obter resposta.
“O goberno local non pode permitir que a obra se deteriore máis, e cada día que pasa é peor. Dende novembro hai desprendementos da fachada e isto, ademais de supor un perigo para os peóns e unha imaxe desastrosa para unha rúa que debería estar especialmente protexida, provocan novas filtracións que ameazan a conservación das pinturas de Lugrís” conclúe Xove. Este mes de decembro, ambas asociacións solicitaron a declaración do mural como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte da Xunta de Galicia. Esta catalogación xa foi aplicada a outros murais de Urbano Lugrís, pero mentres non se produza o Concello non pode obviar as súas responsabilidades; máis cando ten marxe para actuar, como xa comentamos, porque o mural está recoñecido dentro do catálogo do patrimonio da zona PEPRI da Cidade Vella e Pescaría.