Saltar ao contido

Votamos en contra do acordo amadriñado pola alcaldesa, para pagar o dobre do previsto e premiar ao Estado por descoidar un edificio con valor patrimonial ao pé da Torre 

Iago Martínez: “Este acordo ten unha letra pequena inaceptable, desvía fondos en políticas de vivenda e participación, e cargaría ao Concello coa obriga de rehabilitar o cárcere por uns 30 millóns de euros”


O Pleno do Concello da Coruña rexeitou hoxe, co voto en contra da Marea Atlántica, o PP e o BNG, a proposta do goberno local para premiar ao Estado con 2,3 millóns de euros polo total abandono no que mantivo o antigo cárcere da Torre durante máis dunha década, levándoo a un estado de ruína. “O que votamos hoxe non é a execución dunha sentenza xudicial, votamos un acordo do goberno de Inés Rey co Estado, que establece obrigas e compromisos económicos para o Concello da Coruña, e que non se deriva na súa integridade de ningunha sentenza xudicial. Votamos contra un mal acordo”, resumiu o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez.

Martínez advertiu, ademais, que o noso grupo solicitou hai meses o acceso en setembro aos informes e estudos contratados neste mandato para os futuros usos do cárcere. Temos dereito a consultalos por silencio administrativo e coa Lei de Transparencia na man, pero o goberno local non os entregou aínda. “Se non o fan, acudiremos á Valedora do Pobo, e lembrámoslle, señora Rey, que xa foi vostede condenada por vulnerar dereitos fundamentais da oposición”. 

O concelleiro reiterou a nosa negativa a “premiar ao Estado con 2,3 millóns de euros por un edificio que o propio Estado condenou a ruína” e lembrou que ningunha sentenza obriga neste momento a pagar esta cantidade. “O Concello, grazas a Paco Vázquez, ten que pagar 1,1 millóns de euros por un edificio en avanzado estado de deterioro. Enriba, o goberno de Inés Rey propón pagar máis do dobre e que o Concello da Coruña renuncie expresamente a reclamarlle ao estado as súas responsabilidades nese deterioro e se faga cargo da súa rehabilitación. É inaceptable”. 

Entre a letra pequena do acordo que hoxe foi rexeitado no Pleno, tamén se atopaba que os cartos para o primeiro pago previsto ao Estado saen de recortar fondos en Igualdade, Participación, Benestar Social e Urbanismo. En concreto, a metade proceden de rebaixar unha partida de vivenda, que forma parte dos acordos asinados, e incumpridos, coa Marea Atlántica. “Non o colleron de Propaganda, unha partida que ten a contía máis alta da historia desde Concello. Desde logo, non votaremos a favor de desviar fondos de políticas de vivenda para premiar ao Estado pola súa irresponsabilidade”, salientou Martínez. 

Finalmente, o noso vicevoceiro lembrou que a responsabilidade da situación é, en última instancia, do convenio asinado por Francisco Vázquez en 2005, na mesma época na que asinou a venda dos peiraos. Un convenio que, segundo diversos informes xurídicos, foi asinado sen competencias, sen crédito orzamentario, sen respectar a determinación das leis de Facendas Locais, e sen unha cláusula de actualización, o que quere dicir que aínda que o edificio caia, o Concello seguirá obrigado a pagar 1,1 millóns por unha sentenza xudicial. 

A modo de conclusión, Iago Martínez reclamou “negociar máis e negociar mellor co Estado, a lograr que a Siepse se comprometa coa rehabilitación do cárcere. Así, poderá contar coa Marea Atlántica”. 

Ampliación do CHUAC 

O Pleno aprobou, tamén, o convenio entre o Concello e a Xunta de Galicia para a expropiación dos terreos e a construción dos accesos necesarios para ampliar o hospital da Coruña. Desde a Marea Atlántica estamos a favor de mellorar a infraestrutura sanitaria, pero, como sinalou a nosa voceira,  María García, “non podemos celebrar que PP e PSOE queiran transformar unha obra de interese xeral nunha guerra partidsta, na que se botan as culpas para non facer nada”. 

Como ocorreu en 2021 co convenio marco, a tramitación deste asunto chegou case por sorpresa e con menos de 24 horas para estudar a documentación, como xa ocorrera en 2021 co convenio marco, ao que presentamos un voto particular cunha alternativa real que non foi escoitada. É grave nun asunto que compromete ao Concello con 26 millóns de euros ao longo de varios anos e, como avisa o interventor, sen saber sequera se van seguir suspendidas as regras de gasto que condicionarán os orzamentos. 

“Lembramos, en todo caso, que investir 400 millóns de euros, nunha obra necesaria, non resolverá os graves problemas da sanidade pública en Galicia, nin as listas de agarda, nin as camas nos pasillos, nin os recortes en atención primaria, nin as pésimas condicións de traballo do persoal sanitario”, salientou María García. 

Cando se cumpren os acordos, A Coruña gaña

Doutra banda, o Pleno aprobou de xeito definitivo as modificacións do orzamento que comezaron a tramitarse o 29 de novembro, un acordo que demostra que cando se cumpre o pactado coa Marea Atlántica: 6,5 millóns de euros en investimentos para a cidade. A Asociación Veciñal de Eirís presentou alegacións para reclamar que o campo de fútbol do barrio conte cunha grada cuberta. Non entran dentro das causas taxadas para alegar, pero son moi razoables e o goberno local debería telas en conta no futuro.

 

A nosa voceira municipal, María García, criticou que outros pactos en asuntos cruciais non se cumpran coa mesma dilixencia, pese a que afectan “á medidas de vivenda, para baixar a factura da luz ou para proxectos nos barrios”. “Chegamos a final de ano cun mal balance, que se traduce nun moi mal grao de execución do Orzamento, co 83% dos investimentos sen gastar, sen un proxecto para renovar as contas o ano que vén, e co cese máis ca anunciado da concelleira de Deportes por transfuguismo. Fronte ao caos, a Marea Atlántica volve ser motor para avanzar e centrar ao goberno no importante”. 

 

García lembrou que hai una semana que puxemos sobre a mesa dez propostas para abrir unha negociación orzamentaria, comezando por garantir os fondos para a AESIA e os convenios coas entidades sociais. E seguimos sen resposta. 

 

Finalmente, o Pleno aprobou a Conta Xeral de 2021, co voto a favor do goberno e a abstención do resto dos grupos. No noso caso, abstivémonos por non respaldar os resultados do ano no que a alcaldesa escolleu voluntariamente non ter uns orzamentos municipais. No debate, Iago Martínez lembrou que o mellor ano en canto a execución orzamentaria dos últimos dous mandatos segue a ser 2018, “e dicían que a Marea non sabía gobernar”, cun 81,3% de execución global e un 44% en investimentos. Este ano, a 13 de decembro e segundo puido comprobar a Marea Atlántica, a execución global é do 62,4% e do 17% en investimentos. 

Acudiremos á Valedora do Pobo se o goberno local segue a ocultar os estudos sobre usos futuros do antigo cárcere