Saltar ao contido

Saudamos a decisión de manter o prezo do billete do bus, tal e como demandou o noso grupo, pero lembramos que calquera pago adicional á Compañía de Tranvías debe notificárselle á Comisión Europea para comprobar que se axusta a dereito 

Pediremos explicación polo recorte de medio millón de euros no concurso de compra de locais baleiros dentro do programa ‘Mover os Baixos’

María García, voceira municipal da Marea Atlántica, lamenta que “no último día hábil do ano, e nunha convocatoria coa mínima antelación, a alcaldesa Inés Rey despida 2023 non cun novo proxecto de orzamentos para atender ás necesidades da veciñanza nun contexto de crise, senón cunha prórroga das contas vixentes que reduce en 56,4 millóns de euros os recursos dispoñibles do Concello”. 

Así, a diferenza entre os créditos iniciais do Orzamento 2022, aprobado grazas ao acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local, era de 310 millóns de euros, fronte aos 253 millóns cos que o Concello da Coruña comezará 2023 (un 18,4% menos), e sen rastro dun proxecto por parte do equipo de Inés Rey. 

A perda de recursos é notable no capítulo de investimentos, que baixa de 59 a 52 millóns (un 11,8% menos). Perder estes recursos nun momento no que cada vez é máis difícil pagar o alugueiro e encher a cesta da compra é, sen dúbida, unha mala nova para a cidadanía da Coruña.

A prórroga orzamentaria fíxose efectiva nunha Xunta de Goberno convocada con pouco máis de media hora de antelación, ás 14.15h do último día hábil do ano, e na que o goberno trasladou diversos proxectos de xeito caótico, apresurado e improvisado. 

A tarifa do bus mantense polo seu impacto positivo

Entre os asuntos aprobados hoxe está a decisión de manter a maior parte das tarifas do bus vixentes desde que a Marea Atlántica baixou por primeira vez o prezo do transporte público en febreiro de 2019. Deste xeito, e a pesar da sentenza contraria, a alcaldesa segue en boa parte as recomendacións do noso grupo e mantén as tarifas da Tarxeta Millenium, a gratuidade dos transbordos e das viaxes para menores de 13 anos. 

Nunha primeira valoración, a falta de poder estudar toda a documentación. “saudamos que o goberno escoite os nosos consellos e manteña a rebaixa de tarifas iniciada polo goberno de Xulio Ferreiro, recoñecendo o seu impacto positivo no uso do transporte público da cidade. Pero debería lembrar que, dado o beneficio excesivo da Compañía de Tranvías, o restablecemento da tarifa  debería ser previamente notificado á Comisión Europea para contrastar que se  cumpre a normativa europea vixente sobre as axudas de Estado ao transporte público”, explica María García. 

O que tamén deixa clara esta situación e a necesidade de remunicipalizar o servizo do bus en 2024, cando remate a concesión vixente, para que pase a estar xestionado directamente polo Concello e co interese xeral como prioridade, en lugar de para engordar os beneficios dunha empresa privada.

Menos fondos para Mover os Baixos

A Xunta de Goberno exprés celebrada hoxe tamén aprobou, por fin, as bases do concurso público para a compra de locais comerciais baleiros, pero faino con medio millón de euros menos do pactado en novembro, na aprobación inicial do programa Mover os Baixos. Está dotado cun millón en lugar do millón e medio previsto. Pediremos explicacións por este novo incumprimento do acordado nunha iniciativa que é beneficiosa para a cidade, pero que perde polo camiño un tercio dos recursos previstos. 

Sumando este feito a total falta de avances nos pactos pactos relativos a políticas de vivenda, medidas enerxéticas e equipamentos nos barrios, a credibilidade da alcaldesa non pasa polo seu mellor momento. 

Lamentamos que Inés Rey despida o ano cunha prórroga orzamentaria que reduce os recursos do Concello en máis de 50 millóns de euros