Socialistas e Marea tamén chegaron a un principio de acordo para o pleno de organización que se basea “no respecto á pluralidade da corporación e nunha organización equilibrada da representación institucional”.
O acordo alcanzado entre os equipos negociadores terá que ser referendado pola Rede da Marea Atlántica, nunha xuntanza que se celebrará o xoves 4 de xullo.
O pasado 26 de maio, a cidadanía da Coruña votou claramente en favor dunha maioría progresista. A Marea Atlántica e o PSdeG-PSOE acadan agora un principio de acordo para iniciar o mandato e construír un marco de confianza para a cooperación, co obxecto de sacar adiante as políticas transformadoras que demandan as veciñas e veciños da Coruña.
O acordo céntrase nunha axenda social “transformadora”, de execución inmediata, e na que se contemplan medidas como o impulso á constitución da Área Metropolitana da Coruña, a gratuidade do ensino de 0 a 3 anos, as bonificacións para determinados colectivos no uso do transporte público ou a recuperación do bordo litoral.
O acordo tamén inclúe o compromiso de continuación na execución de obra pública comprometida como pode ser a demolición do viaduto da Ronda de Nelle, o proxecto do centro deportivo do Castrillón ou os proxectos para as reformas dos mercados de Durmideiras, Santa Lucía e Monte Alto.
De igual xeito PSdeG-PSOE e Marea acordan a aprobación definitiva da ordenanza de igualdade ao longo do ano 2019 así como a posta en marcha dun programa de bolsa de vivenda en réxime de aluguer co obxecto de que entre en funcionamento en 2020.
Para o seguimento e cumprimento deste acordo crearase unha comisión de seguimento formada por integrantes de cada organización que se reunirá a iniciativa de calquera das partes e en calquera momento.
A Coruña, 3 de xullo de 2019