Saltar ao contido

O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña presentou hoxe o seu equipo, acompañado por María García e Xulio Ferreiro 

Máis de 150 persoas acudiron á Fundación Luís Seoane para este acto, con representantes de Anova, Equo, Compostela Aberta, Sadamaioría e diversas entidades sociais, culturais e veciñais da Coruña


A sede da Fundación Luís Seoane, cun aforo desbordado por máis de 150 persoas, acolleu hoxe a presentación da candidatura da Marea Atlántica para as eleccións municipais de 2023, encabezada por Xan Xove e referendada nos últimos días mediante primarias. Acompañado por María García, voceira do grupo municipal da Marea Atlántica, e polo exalcalde Xulio Ferreiro, Xan Xove deu as grazas pola  confianza e o agarimo, e explicou que “a Marea Atlántica é unha singularidade, froito desa Coruña que algúns non vén, a cidade dos barrios e a xente común. Cunha axenda e un traballo imprescindibles para esta cidade.Partidos hai moitos, Marea Atlántica só hai unha”.

Xove reivindicou que sen a Marea Atlántica non teriamos a opción de pasear polo porto, non existiría a Renda Social Municipal, aínda habería touradas e un viaduto dando sombra na Rolda de Nelle… “Todo iso que dicían que era imposible, e aí o tedes”. Lembrou, tamén, outra singularidade que vai cumprir agora 20 anos, a marea negra do Prestige, “que deu lugar a outra marea branca, a que berrou Nunca Máis, e na que xa tiven o orgullo de acompañar a María García”. 

No acto estiveron os concelleiros Marta Lois e Xan Duro de Compostela Aberta; o portavoz nacional de Anova, Martiño Noriega, e o seu predecesor no cargo, Antón Sánchez; así como Emilio Padrón, de Equo, e representantes de Sadamaioría e diversas entidades sociais, veciñais e culturais da Coruña. Tamén acudiu o alcalde de Sada, Benito Portela. En total, máis de 150 persoas ateigaron o espazo dispoñible na sede da Fundación Seoane. 

En presenza tamén do grupo municipal da Marea Atlántica e outros membros do que fora o goberno de Xulio Ferreiro, como Daniel Díaz Grandío, e de todas as persoas que integran a súa lista, Xan Xove agradeceu a presenza das entidades coruñesas, “pois para a Marea Atlántica sodes imprescindibles, e imos necesitar a vosa axuda para seguir facendo a Coruña que queremos”. E tamén a das organizacións políticas irmás, “un piar fundamental para levantar a Marea en 2015, e para mantela hoxe coma un proxecto plural, diverso, e ao servizo da cidadanía”:

O candidato da Marea Atlántica reivindicou o traballo feito tanto no goberno de Xulio Ferreiro, “o mellor alcalde que tivo esta cidade”, coma no mandato actual, “onde seguiremos pelexando para que Inés Rey cumpra todos os acordos que asinou con nós, acordos que son bos para A Coruña”. Explicou que “a Marea Atlántica veu para cambiar as cousas, non para cambiar de chaqueta. Cumprimos no goberno, cumprimos na oposición. E cumpriremos cando volvamos gobernar en 2023, é posible coma o foi abrir os peiraos, con vós, coas vosas ideas, o voso apoio e o voso traballo, porque é así como Hai Marea”. 

Xulio Ferreiro: “Para sumar, sempre se pode contar coa Marea”

O excalcalde, Xulio Ferreiro, tomou tamén a palabra e quixo deixar claro que “o que agromou en 2015 non era unha persoa, nin un goberno, Era unha marea de xente con ganas de cambiar esta cidade para mellor”. É un proceso que cambiou esta cidade, desde a base da mobilización cidadá, a xenerosidade e a acumulación de forzas, e que o vai seguir facendo. A Marea Atlántica é fundamental na Coruña. Para sumar, poden contar con nós, para restar, hai opcións mellores”.

Ferreiro lembrou que en María Pita, no pasado mandato, houbo un goberno ao servizo da xente, con valentía e con memoria, que non tivo problemas en botar a Millán Astray e outros asasinos do rueiro, en defender a xustiza social, a participación e a loita contra o cambio climático, sempre desde a proximidade. Un traballo que se mantivo desde a oposición, impulsando medidas para as que o PSOE non tiña interese, coma o plan de saúde mental, a gratuidade do ensino infantil, o mapa das enerxías renovables, ou a defensa do porto contra as manobras para vendelo. 

“E, con Xan Xove e coa xente que o acompaña, volveremos ter un goberno para o ben común, para a Coruña o futuro e para os retos do presente. Un goberno que apostará polas políticas de vivenda, por unha mobilidade que non consista en meter máis e máis coches, pola área metropolitana e polas necesidades dos barrios”, rematou Ferreiro.

María García: “”Temos un modelo de cidade, e temos a mellor xente para executalo”

Pola súa banda, María García, salientou que hai cousas moitas cousas que distinguen á Marea Atlántica, e que levaron a tanta xente a comprometerse con ela. “No goberno ou na oposición, traballamos pola cidade, pola xente. Negociamos cando é positivo para A Coruña, e non nos limitamos a asentir, levamos propostas e iniciativas como as que levan oito anos marcando a axenda na Coruña. Porque a maior parte do que fai o goberno de Inés Rey  é executar proxectos da Marea Atlántica”. 

A nosa voceria afirmou que “temos máis experiencia, pero mantemos o importante, aló onde estamos, traballamos por unha Coruña máis verde, xusta, feminista e democrática. Temos un modelo de cidade e sabemos como executalo. E temos a mellor xente para seguilo facendo, con Xan á fronte”.

García tivo unhas palabras para Xove, ao que describiu como “unha persoa á que podemos atopar no ecoloxismo, no sindicalismo, coma deputado no Parlamento de Galicia ou enriba dun escenario, no mundo da cultura. Sempre xeneroso, valente e cun sorriso por diante. Será un orgullo seguir a camiñar ao seu carón nesta Marea Atlántica”.

Xan Xove: “Partidos hai moitos, Marea Atlántica só hai unha”