O candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, e o concelleiro Alberto Lema, reuníronse coas traballadoras para coñecer de primeira man a súa situación e as súas demandas
Xan Xove, candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, e o concelleiro Alberto Lema reuníronse esta semana con representantes das traballadoras das tendas de Inditex, para trasladarlles todo o noso apoio ás súas reivindicacións por un aumento de salario que achegue as súas condicións laborais ás doutros sectores da empresa.
“Como pode ser que unha multinacional que reparte beneficios multimillonarios se negue a pagarlle un soldo digno ás persoas que son a cara visible das súas tendas”, sinalou Xan Xove.
As traballadoras das tendas, mulleres nun 98%, cobran pouco máis do salario mínimo, en contraste coas condicións de traballo nos servizos centrais da empresa. Inditex acadou no primeiro semestre de 2022 uns beneficios históricos de 1.794 millóns de euros. Ten de sobra para mellorar as condicións das súas dependentas.
Polo tanto, desde Marea Atlántica apoiamos as reivindicacións e mobilizacións das traballadoras en defenda dos seus dereitos laborais.