Saltar ao contido

A Marea Atlántica preguntará polas medidas que o goberno local tomou para frear o deterioro da antiga residencia de oficiais na Comandancia de Obras, tal e como recomenda o criterio técnico

En xuño de 2021, o goberno recibiu un informe rigoroso que recomendaba rehabilitar o edificio e realizar accións urxentes. Ano e medio despois, pactou coa Xunta o seu derrubo 

Pedimos acceso a toda a documentación dispoñible sobre a Comandancia de Obras e esiximos saber en que se basea a decisión de derrubar un edificio de importante valor patrimonial

A Marea Atlántica rexistrou unha batería de preguntas destinadas a coñecer que medidas tomou o goberno local para protexer o edificio da antiga residencia de oficiais Comandancia de Obras e frear o seu deterioro, tal e como recomenda o informe técnico encargado polo propio executivo e entregado en xuño de 2021. A pesar de que ese documento, rigoroso e concienciudo, cualifica os danos no edificio como “moderados” e aposta pola súa rehabilitación,  a alcaldesa, Inés Rey, pactou co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o derrubo do inmoble para convertelo nun albergue.

Dende o momento en que se fixo pública esta decisión, a Marea Atlántica lembrou o gran valor patrimonial da Comandancia, exemplo de arquitectura racionalista, e solicitamos acceso a todos os informes técnicos dispoñibles, para coñecer en que criterios se basea o derrubo. 

O primeiro informe que recibimos, datado no verán do ano pasado, está asinado polo catedrático Javier Estevez Cimadevilla e o profesor Félix Suárez Riestra, ambos os dous docentes do departamento de Estruturas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Tras catro inspeccións e once catas da estrutura do edificio, determinan que está danado —en parte por culpa das obras do Paseo Marítimo— pero que ese dano é “moderado”, polo que recomendan a súa rehabilitación integral e en ningún caso prescriben a súa derruba. 

Sinalan, ademais, unha serie de actuacións urxentes que deberían terse acometido para frear o deterioro da Comandancia de Obras. Por iso queremos saber se o goberno atendeu ou ignorou estas recomendacións. 

Patrimonio a conservar

Estamos a falar dunha antiga residencia de oficiais na Comandancia de Obras, situada sobre o baluarte dos Pelamios,  do século XVIII. É Un edificio de estilo racionalista que xa Soraluce Blond, no seu Estudio de identificación, definición histórica y acotación material de las murallas de la Ciudad Vieja de A Coruña: criterios de actuación” (2013), sinalaba como merecente de conservación polas súas características arquitectónicas.

Nesta liña de apostar pola conservación do patrimonio nunha cidade que xa perdeu demasiado, o goberno da Marea Atlántica encargou un anteproxecto para a rehabilitación da Comandancia de Obras, integrándoa coa reforma prevista nas veciñas Naves do Metrosidero. O traballo de Rodríguez Blanco Arquitectos, respectuoso co valor do edificio, pode consultarse aquí.

Que medidas tomou o goberno local para frear o deterioro da antiga residencia de oficiais na Comandancia de Obras?