Saltar ao contido

O goberno local non convocou aínda a comisión para estudar unha solución definitiva ao problema das bibliotecas, e en catro meses non realizou nin unha soa xestión documentada

María García: “Volveremos levar o asunto a Pleno, porque non pode consentirse que mes tras mes, as traballadoras vivan sen saber se van cobrar o seu soldo. Ata cando van ter que aturar isto?”

A Marea Atlántica quere expresar todo o seu apoio ás traballadoras das bibliotecas municipais de xestión privada, que unha vez máis e en vésperas dunha ponte, veñen de recibir amezas por parte da empresa de que non lles van pagar o soldo deste mes. 

“Volveremos a levar o asunto a Pleno, porque non poden consentirse que mes tras mes aturen isto as persoas que garanten un servizo cultural básico. Cando van poder ter un fin de mes tranquilo, cobrando o que lles corresponde, igual que as súas compañeiras das bibliotecas de xestión pública directa? A alcaldesa ten que garantir o cobro dos salarios e convocar xa a comisión para atopar unha solución definitiva e estudar a remunicipalización”, sinala a nosa voceira, María García, que  se reuniu a semana pasada coas traballadoras

No Pleno do 13 de outubro, o goberno pactou coa Marea Atlántica crear unha comisión con presenza de todos os grupos da Corporación e das representantes sindicais das traballadoras, na que acadar unha solución definitiva ao problema dos impagos, incluída a remunicipalización de todo o servizo de bibliotecas. Dúas semanas e media despois, nin sequera pediu que escollésemos representantes, a pesar de que María García reclamoullo á alcaldesa nunha carta rexistrada o 19 de outubro, designando a Iago Martínez como representante da Marea Atlántica neste futuro órgano.

É mais, o noso grupo pediu acceso ao documentos relacionados coas xestións do goberno municipal para evitar que as traballadoras vivan coa incerteza de saber se cobrarán o seu soldo, e a única resposta que recibimos foi un informe sobre a folga de xullo e unha serie de informes de 2021 sen relación co caso. En catro meses, non hai nada que contar.

Os problemas dun servizo público con contrato privado

Os problemas nas bibliotecas municipais de xestión privada comezaron en xullo, e derívanse directamente do contrato que a alcaldesa, responsable directa da área de Cultura, licitou e adxudicou neste mandato. Desde entón, as traballadoras están a vivir un auténtico calvario. 

A Marea Atlántica apoiará calquera decisión que remate con esta incerteza, pero ten claro que o único remedio definitivo é a remunicipalización de todo o servizo. Como explica María García, “a alcaldesa teno máis doado ca nunca, ten o traballo que xa fixo o goberno de Xulio Ferreiro cara a municipalización, ten unha sentenza do Tribunal Supremo sobre a remunicipalización do servizo de axuda no fogar de Pamplona, en febreiro deste ano, que despexa definitivamente o problema da subrogación en beneficio das traballadoras, e pode contar cunha maioría absoluta grazas aos votos da Marea Atlántica”. 

A rede de bibliotecas municipais conta con tres centros de xestión pública, nos que non hai problemas para cobrar o soldo e seis centros de xestión privada, nunha dualidade iniciada por un goberno do PSOE: Centro  Ágora, Fórum Metropolitano, Sagrada Familia, Os Rosales, Infantil e Xuvenil e o punto de lectura de Novo Mesoiro. É o momento de rematar con esta situación inxusta e coidar o servizo de bibliotecas como se merece.

Esixímoslle á alcaldesa que garanta o cobro dos salarios nas bibliotecas municipais de xestión privada, tras outro mes con ameazas de impago