Coa nova licitación, volverá ser posible fumigar as rúas con glifosato para eliminar herbas espontáneas, un herbicida cuestionado pola UE e pola OMS, que só se usa por motivos estéticos
Os traballadores denuncian que terán un soldo diferente segundo o barrio no que traballen, debido á desigualdade dos lotes do contrato
O grupo municipal da Marea Atlántica vén de rexistrar unha pregunta oral para realizar no vindeiro Pleno, o xoves 7 de xullo, para coñecer se o goberno de Inés Rey vai retomar o uso de herbicidas tóxicos coma o glifosato para fumigar os espazos verdes da Coruña e eliminar vexetación espontánea.
O novo contrato de mantemento de parques e xardíns, que saiu a licitación neste mes de xuño tras un ano caducado, admite se o Servizo de Medio Ambiente o autoriza uso deste tipo de produtos, cuestionados pola UE e pola OMS debido aos seus riscos para a saúde. Ata 2015, os herbicidas adoitaban utilizarse a cotío cunha fin estética: eliminar as herbas espontáneas dos espazos públicos, mais hai alternativas non tóxicas. O uso rutineiro de herbicidas é unha frivolidade. Un caso diferente é cando hai que tratar unha enfermidade vexetal, unha praga ou unha especie invasora: ainda que se deben priorizar os métodos non tóxicos, ás veces é ineludible aplicar tratamentos químicos para protexerse dun ataque.
“Preocúpanos que se dean pasos atrás, despois de que o goberno de Xulio Ferreiro rematou co uso sistemático de herbicidas no espazo público, que acaban na auga afectando á saúde e á biodiversidade. A Unión Europea vai camiño de prohibir o uso do glifosato este mesmo ano”, advirte María García. E engade que “o compromiso do PSOE local co Medio Ambiente debe ir máis alo das palabras”.
Ademais, tras reunirse onte co Comité de Empresa de Althenia, unha das subcontratas do Concello para o mantemento de parques e xardíns, María García denuncia que existe unha inxusta desigualdade entre os distintos lotes nos que se dividiu o servizo: “De manterse os pregos como están, o cadro de persoal terá diferente salario segundo o barrio da Coruña no que actúen, algo absurdo e do que xa avisamos o ano pasado, pero que o goberno local non corrixiu”.
Menos cartos para os xardíns históricos
Como sinalou García, responsable de Medio Ambiente no goberno de Xulio Ferreiro, “falamos dun servizo de case 8 millóns de euros ao ano, que vai definir como van ser as zonas verdes e o arborado urbano da Coruña nos vindeiros anos. E a primeira impresión que temos tras revisar os pregos é de preocupación: hai programas cunha dotación económica demasiado axustada, coma o coidado dos xardíns históricos ou os mecanismos para controlar que a empresa cumpre co contrato”.
“Desde a Marea Atlántica temos claro que as zonas verdes son cada vez máis importantes nas cidades, porque son espazos públicos de saúde e lecer para a veciñanza, e tamén unha das principais ferramentas na loita contra unha emerxencia climática que xa está aquí. Por este motivo, o goberno local da Coruña debe darlles a relevancia que teñen e merecen”, resumiu María García.