Saltar ao contido

Esta iniciativa, á que se destinarán 400.000 euros, executa un dos acordos orzamentarios subscritos entre ambas forzas

As persoas interesadas poderán solicitar as axudas desde o 16 de agosto ata o 16 de setembro

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá unha nova liña de axudas persoas autónomas e micropemes, axudas que teñen como fin contribuír ao mantemento e impulso da actividade económica.  Esta iniciativa executa un dos acordos orzamentarios entre Marea Atlántica e o goberno local, no que se pactou destinar 400.000 euros a ditas achegas, ás que poderán optar as persoas autónomas e tamén aquelas pequenas empresas que teñan menos de 10 empregados e facturen menos de 1 millón de euros ao ano. O obxectivo é axudar ao tecido económico local ante o reto de afrontar as consecuencias da pandemia e da actual situación de crise.  

A contía máxima que se concederá a cada solicitante é de 2.000 euros, que se poderán dedicar ao pago das cotas da Seguridade Social, mutualidades, colexios profesionais ou equivalentes.  Poderán solicitarse por vía electrónica a partir do 16 de agosto e ata o 16 de setembro, e para cursar a petición abonda con asinar unha declaración responsable, na procura dunha tramitación o máis rápida e sinxela posible.

O voceiro do goberno, José Manuel Lage, destacou que “esta axuda permitirá dar un impulso aos autónomos e pequenos empresarios para afrontar a recuperación económica e pon de manifesto que o goberno local segue a estar ao lado dos emprendedores da cidade como fixo ao longo da pandemia co PRESCO”

Para María García, voceira da Marea Atlántica, esta nova liña de axudas é “unha man tendida a  aqueles negocios locais que máis o precisan, e que son a maioría dos que traballan na Coruña, e un exemplo de que as institucións poden estar aí cando existe vontade política. Medidas coma esta poñen en valor o acordo  que fixo posible ter este ano uns Orzamentos adaptados á crise que estamos a vivir”.

Preocupación pola situación nas bibliotecas municipais

Doutra banda, a nosa voceira amosou a sua preocupación pola situación que están a vivir as traballadoras das seis biblotecas municipais que teñen a súa xestión privatizada, e que no momento de redactar estas liñas aínda non saben se a empresa LTM lles vai pagar a nómina do mes, “unha situación de precariedade e inseguridade que non se poden consentir nun servizo público”, en palabras de María García. 

A concelleira sinalou, ademais, que o goberno local ten a obriga de actuar para garantir os dereitos laborais do persoal de bibliotecas e que, “se quere facelo, a alcaldesa pode contar nos nosos votos”. No pasado mandato, a Marea Atlántica tentou rematar definitivamente con esta desigualdade municipalizando os seis centros en mans privadas, pero non foi posible facelo polos votos en contra de PP e PSOE, e abstención do BNG.

Aprobada unha nova liña de axudas de ata 2.000 euros a persoas autónomas e micropemes para o mantemento e impulso da actividade económica, froito do acordo entre a Marea Atlántica e o goberno local