Mantivemos unha xuntanza coa ANPA deste centro de Labañou e trasladaremos as súas demandas
As familias matriculáronse en marzo nunha escola da rede pública municipal, e descubriron en setembro que tiñan praza nun centro privado
A Marea Atlántica apoia as demandas que a ANPA da escola infantil Carmen Cervigón fixo públicas onte, denunciando que desde que este centro de ensino abandonou por sorpresa a rede de escolas infantís municipais e pasou a ser de xestión privada, os servizos complementarios encarecéronse un 50% e perderon o acceso ás bolsas comedor para familias monoparentais e numerosas. “Lembremos que estas familias se matricularon en marzo nun centro da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM), e cando chegaron en setembro á xuntanza de inicio de curso descubriron que agora era privado. Non tiveran ningún aviso previo, nin do Concello nin do centro”, explica a concelleira Silvia Cameán.
Cameán mantivo unha xuntanza con representantes da ANPA para coñecer de primeira man as súas demandas, e rexistrou xa unha pregunta de resposta oral para pedirlle explicacións ao goberno local no vindeiro Pleno. “Tal e como fan as familias, demandámoslle a Inés Rey que traballe para remunicipalizar esta escola infantil e para buscar o xeito de compensar aos fogares afectados”, sinala a concelleira. Xa o reclamamos nunha moción aprobada por unanimidade o 8 de setembro, pero non houbo avances de ningún tipo desde entón.
A escola Carmén Cervigón deixou de ser parte da Rede de Escolas Infantís Municipais (REIM) desde o día 1 de setembro deste ano, e está agora xestionada exclusivamente pola Institución Benéfico Social Padre Rubinos e pasa a ser 100% privada. Isto significa que o centro xa non se acolle aos prezos fixados pola administración, encarecendo todos os servizos, ao tempo que as familias perden acceso a axudas para o comedor ao estar matriculadas nun centro privado.
Retroceso no galego e nos valores
Padre Rubinos cambiou ademais o regulamento da escola, renunciando ao galego como lingua vehicular do ensino, así como á iniciación en lingua inglesa que se practica na REIM. Polo camiño quedaron tamén valores como a igualdade ou o respecto ambiental. “O acceso a esta escola seguirá sendo de balde, no marco do sistema amparado pola Xunta de Galicia, pero carecerá dos valores propios do ensino público”, denuncia a Silvia Cameán.
Ademais, a rede pública perdeu 95 prazas, un 11,5% das dispoñibles, e o barrio de Labañou queda sen a única escola infantil municipal que lle daba servizo, tal e como denunciou esta mañá a Asociación Veciñal. Por todos estes motivos, instamos ao goberno local a explorar todas as vías para reintegrar a Carmen Cervigón na Rede de Escolas Infantís Municipais.