Saltar ao contido

Tras varias semanas de mobilizacións, reclaman que a Xunta de Galicia teña en conta a experiencia no proceso para estabilizar os postos de traballo nun organismo co 90% do emprego temporal

O noso voceiro provincial, Alberto Lema, e o candidato Xan Xove, reuníronse con representantes do Comité de Folga

As traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, un organismo dependente da Xunta de Galicia que atende centros de día, residencias de maiores, vivendas comunitarias e a rede de escolas infantís Galiña Azul, entre outras tarefas, levan desde o mes de setembro con mobilizacións e xornadas de folga. Reclaman que a súa experiencia laboral se teña en conta no proceso de estabilización de postos de traballo que o goberno galego está a abrir, obrigado por lei. Desde a Marea Atlántica, recollemos as súas reivindicacións ao Pleno da Deputación da Coruña, procurando o apoio dos demais grupos políticos. 

O noso voceiro provincial, Alberto Lema, xunto co candidato Xan Xove, e a súa compañeira de lista, Victoria Mejuto, mantiveron un encontro con representantes do Comité de Folga do Consorcio, para coñecer as súas reivindicacións, que defenderemos este venres, 28 de outubro, a través dunha moción no Pazo Provincial. 

A pesar de que presta servizos básicos para a vida, o Consorcio de Igualdade e Benestar é un dos órganos da Xunta de Galicia cunha maior taxa de temporalidade, un escandaloso 90%. Nel traballan máis de 2.000 persoas, na súa inmensa maioría mulleres, que agora teñen unha oportunidade de mellorar as súas condicións co proceso de estabilización de postos de traballo que está a abrir o goberno galego, obrigado pola Lei 20/2021, de 28 de decembro, promulgada polo Estado. 

O malo é que, contrariamente ao que están a facer a maioría das administracións, o Consorcio non ten previsto priorizar a experiencia das traballadoras que xa desempeñan os empregos que se van consolidar. Dun xeito que desvirtúa o sentido da Lei e que deteriorará a calidade dos servizos públicos, ao desprezar o saber facer de quen leva anos atendendo á cidadanía. Estas son ás mesmas traballadoras ás que a Xunta premiou con medallas polo seu traballo en primeira liña durante a pandemia, pero as que agora se nega a recoñecer. 

Levamos ao Pleno da Deputación as reivindicacións das traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar