Saltar ao contido

María García, Iago Martínez e Alberto Lema visitaron hoxe as obras do complexo de Pedralonga, en compañía do reitor da UdC, Julio Abalde 

“A Cidade das TIC non pode ser unha illa, debe integrarse na contorna, ter conexións para o transporte, servizos. O Concello ten que asumir o liderado que lle corresponde”, sinala a nosa voceira

A voceira da Marea Atlántica, María García, realizou hoxe unha visita ás obras do complexo da Cidade das TIC, en Pedralonga, en compañía do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e dos concelleiros Iago Martínez e Alberto Lema. “Queremos aproveitar esta visita ás antigas instalacións da Fábrica de Armas para reivindicar o proxecto da Cidade das TIC coma unha peza estratéxica no futuro da Coruña, na que o goberno local debería implicarse máis a fondo”, declarou María García.

“Estas instalacións non poden ser unha illa, teñen que ser cidade. E iso require que o Concello da Coruña asuma o seu liderado e aborde dunha vez a integración deste complexo en Pedralonga, desde o ordenamento urbanístico e integración cos barrios de Eirís, Pedralonga e Palavea á mobilidade e as conexións co transporte público, sen esquecer os servizos de proximidade”, explicou García. E engadiu que na Marea Atlántica estamos en disposición de sentarnos a negociar o investimento necesario.

A nosa portavoz reivindicou tamén que o goberno da Marea Atlántica foi un dos primeiros apoios para o proxecto da Cidade das TIC, ao que se sumou desde o minuto un. “É un proxecto no que cremos a nivel estratéxico, como demostrou Xulio Ferreiro cando acompañou ao reitor a presentalo a Goberno do Estado”. A Cidade das TIC respondía á Estratexia Metropolitana de Innovación, desenvolvida no pasado mandato, pero que leva agochada nun caixón os últimos tres anos.

AESIA: unha oportunidade que esixe traballo

A clave metropolitana será tamén decisiva para que A Coruña poida ser, definitivamente, a sede da futura Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), tras ser escollida pola Xunta como candidata galega para acollela. “É unha moi boa nova que A Coruña sexa unha das opcións para albergar a AESIA, pero quero instar a alcaldesa a aproveitar o tempo que falta ata a decisión definitiva para sumar apoios e tecer consenso, superando localismos”, en palabras de María García.

Lembremos que a área metropolitana da Coruña é realmente a capital galega das TIC, pois concentra máis de 500 empresas que representan o 43% do emprego e o 59% da facturación do sector. Pero o impacto positivo da Axencia tamén beneficiaría a moitos outros eidos, coma sindicatos, entidades sanitarias coma o INIBIC, empresas do sector téxtil ou do alimentario e os demais concellos da área metropolitana.

“Non debería repetirse a improvisación coa que este asunto foi a Pleno o pasado venres, no último día hábil antes de que o Nodo GalicIA tomase a súa decisión. Pedímoslle a Inés Rey que traballe nunha verdadeira alianza metropolitana e garantímoslle que para iso pode contar coa Marea Atlántica”, conclúe María García.

O goberno local ten que implicarse máis para liderar e integrar o proxecto da Cidade das TIC na Coruña