Saltar ao contido

Desde que Inés Rey chegou á alcaldía, o paro aumentou en 2.600 persoas na Coruña e o Concello non puxo en marcha unha soa iniciativa nova en canto a promoción de emprego

Tamén lle preguntaremos á alcaldesa polas previsións para afrontar a crise sen Orzamentos en 2021 e cun trimestre perdido á hora de renovar o Presco

A Marea Atlántica preguntaralle a Inés Rey, no Pleno do 8 de abril, polas medidas que está a tomar o goberno para paliar a preocupante evolución do emprego na Coruña. Os datos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) sinalan que en febreiro de 2021 a cidade tiña 18.388 persoas en situación de desemprego, exactamente 2.600 máis que cando Inés Rey chegou á alcaldía, en xuño de 2019. Fronte a este incremento do 16,5% na cola do paro, as políticas de emprego do Concello da Coruña son completamente inexistente. Na quenda de preguntas orais tamén solicitaremos información sobre os plans da alcaldesa para afrontar 2021 sen Presco nin Orzamentos e sobre o mercado de Monte Alto. 

A nivel provincial, e segundo os últimos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o desemprego está a cebarse coa xente nova. O 2020 despediuse con 15.000 menores de 30 anos en paro na provincia da Coruña, 4.000 máis ca o ano anterior, o que supón un incremento do 34%, máis do dobre que a media galega (14%). Esta claro que este sector da poboación precisa políticas especialmente centradas nel, e Inés Rey non ten ningunha para ofrecer. 

A única actuación de relevancia que se pode sinalar é o programa Coruña Suma, creado en 2019 polo goberno anterior e que en 2020 axudou a que 243 persoas atopasen un posto de traballo. Trátase dun programa deseñado pola Marea Atlántica, financiado con fondos europeos conseguidos no mandato de Xulio Ferreiro, e desenvolvido pola anterior concelleira de Emprego, Eva Martínez  Acón, cesada presuntamente pola baixa execución orzamentaria da súa área, no medio dunha guerra entre as familias do PSOE coruñés. 

O substituto de Martínez Acón, Jesús Celemín, non foi quen de poñer en marcha unha soa iniciativa nos últimos meses e, desde logo, non mellorou o grao de execución. Emprego rematou o ano 2020 con só o 35% dos seus fondos investidos, sendo unha das cinco áreas que non chegaron ao 50%, nas que tamén se inclúe a Alcaldía. Ante a crise que se está a despregar, A Coruña merece un goberno que teña a cabeza no importante e atenda as súa competencias de promoción do emprego, con especial atención á xente moza, para a que Inés Rey tampouco parece ter ningunha proposta. 

 

Case en abril, sen orzamentos nin novo Presco

Doutra banda, rexistramos unha pregunta de resposta oral para coñecer como pensa Inés Rey abordar as necesidades da cidadanía, golpeada pola crise da COVID, tras privar o Concello da Coruña de orzamentos e deixar pasar un trimestre sen avances no novo Presco. Pese a todos os anuncios e ás propostas realizadas pola oposición, o certo é que o novo plan de choque contra a pandemia está lonxe de facerse realidade, mentres cada día pechan negocios e aumenta a demanda nos servizos sociais. 

Desde a Marea Atlántica trasladamos diversas iniciativas para rescatar A Coruña e responder ás necesidades da veciñanza, pero non existiu nin resposta nin reacción por parte do goberno local. Nin unha soa chamada para comezar as negociacións. Nin sequera coñecemos cal é a situación económica do Concello na actualidade, malia a que Inés Rey leva semanas a alimentar o alarmismo con filtracións aos medios.

Finalmente, a terceira das nosas preguntas orais no Pleno de abril destínase a descubir cando se instalará o mercado provisionan en Monte Alto, para que as praceiras non teñan que abandonar a súa actividade mentres duren as obras de reforma. Pese a recibir o proxecto completo e contar con financiamento desde o mandato da Marea Atlántica, Inés Rey deixou pasar dous anos sen avances nesta obra. E, de xeito preocupante, a concelleira Diana Sobral recoñeceu na última sesión plenaria que non hai fondos no orzamento prorrogado para o necesario mercado provisional.

Preguntaremos no Pleno polas desaparecidas políticas de emprego do goberno municipal