Saltar ao contido

María García: “Feijóo renuncia a condonar a débeda e ofrece os 370.000 metros cadrados de San Diego e Petroleiro para dar un pelotazo. E a alcaldesa cala coma un peto”

O presidente da Xunta resucita a súa proposta de 2018, á que Xulio Ferreiro lle plantou cara: espazos públicos nos peiraos do centro, pelotazo urbanístico nos barrios

A Marea Atlántica preguntará no Pleno municipal do 8 de abril se Inés Rey apoia a intención do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de vender os peiraos de San Diego e edificar vivendas en primeira liña de costa para pagar da débeda da Autoridade Portuaria da Coruña. Así de claro foi Feijóo cando respondeu aos medios de comunicación durante a súa visita de onte ao peirao de Transatlánticos: renuncia a reclamar a condonación da débeda e a pedir o mesmo trato que en Valencia, e pretende pagar unha parte coa especulación inmobiliaria.

A nosa voceira e presidenta da Comisión do Bordo Litoral, María García, sinala que “a alcaldesa estaba diante mentres Feijóo ofrecía os 370.000 metros cadrados dos peiraos de San Diego e Petroleiro para dar un pelotazo. E Inés Rey quedou calada coma un peto. Por iso, pedirémoslle que nos aclare a súa postura no Pleno”. 

O trato que Feijóo pon sobre a mesa e Inés Rey contempla en silencio supón o abandono dos barrios da Coruña. Mentres promete manter os peiraos de Batería, Calvo Sotelo e Transatlánticos como espazo público, en pleno centro da cidade, sacrifica San Diego e Petroleiro sen dubidar. Coma se Os Castros, Oza ou o Castrillón non tivesen unha enorme necesidade de zonas verdes e equipamentos públicos. Moita máis que de torres de vivendas a prezos imposibles. A zona de San Diego é, ademais, moi importante par a economía do mar na Coruña, un sector que hai que protexer, non desmantelar. 

Pouca sorpresa aquí, é a mesma proposta que o presidente da Xunta quixo colarlle á Coruña no seu pacto de despachos en 2018. Pero daquela A Coruña tiña un alcalde, Xulio Ferreiro, que deu a cara polo interese xeral. Fará o mesmo Inés Rey?

Pedir a condonación da débeda o xoves, renunciar o sábado

O presidente da Xunta volve demostrar a súa hipocrisía. Hai mes e medio estaba reclamando a condonación da débeda en grandes titulares. Esta mesma semana, votou no Parlamento de Galicia a favor de perdoar a débeda, igual que en Valencia. Pero, como amosou xa no seu encontro co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, está disposto a olvidar a reivindicación a cambio de que o Estado asuma a obra da conexión ferroviaria ao Porto Exterior da Coruña. Unha obra que, si ou si, xa é responsabilidade do Estado. 

Como xa fixemos onte na Operación Paella, ante o propio Feijóo  e Inés Rey, reclamamos que o tren é imprescindible, pero sen condonación da débeda non hai futuro para a recuperación dos peiraos. Fíxose en Valencia con 400 millóns e hai que facelo na Coruña con 200. E máis tendo en conta que eses 200 millóns corresponden a un préstamo de Puertos del Estado que se aproxima moito á usura, cun interese 10 veces máis alto que o do Banco Europeo de Investimentos. Para María García, “a única diferenza real con Valencia é que alí os gobernos defenden o ben común”.

“O plan está á vista. Non se condona a débeda porque así Puertos del Estado segue facendo caixa coa Autoridade Portuaria da Coruña, que xa leva pagados 40 millóns de intereses sen amortizar un só euro. E coa débeda sobre a mesa, ábrese a veda para vender os peiraos no mercado da especulación inmobiliaria. Todo o mundo gaña, menos a veciñanza da Coruña, que perde a súa fachada marítima”, sinala María García.

Preguntáremoslle a Inés Rey no Pleno se respalda a intención de Feijóo de vender os peiraos de San Diego