María García: “Alguén pode imaxinar a Xulio Ferreiro calado mentres Feijóo anuncia a venda dos peiraos para un pelotazo? Pois calar é o que está a facer Inés Rey”
O presidente da Xunta aproveitou a apertura do peirao de Transatlánticos, unha noticia positiva, para colar o anuncio dun pelotazo en San Diego. Queren roubarnos a carteira
A voceira da Marea Atlántica e presidenta da Comisión do Bordo Litoral no Concello da Coruña, María García, pediralle mañá ao goberno de Inés Rey que sexa claro e explique se está a favor de vender os peiraos de San Diego para facer caixa, renunciando á condonación da débeda. Esta foi a proposta que fixo o sábado o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ante o completo silencio da alcaldesa.
“Feijóo aproveitou a apertura do peirao de Transatlánticos á veciñanza, unha noticia positiva, para colar o anuncio dun novo pelotazo urbanístico en San Diego, á beira do mar. Queren arrebatarnos o máis prezado: a fachada maritima da cidade. A situación é moi grave, por iso imos esixir claridade na xuntanza da Comisión do Bordo Litoral prevista para mañá”, sinala María García. E preguntouse se “alguén pode imaxinar a Xulio Ferreiro calado mentres a Xunta propón privatizar San Diego? Pois calada é como está Inés Rey”.
Como xa anunciamos, a convocatoria da Comisión para este 31 de marzo pretende servir para fixar unha postura común de toda a Corporación Municipal da Coruña de cara á reunión coa Xunta e o Estado, anunciada para o 9 de abril. “E esa postura común ten que respectar os consensos acadados nos últimos anos, comezando pola condonación da débeda como única saída realista para o futuro da fachada marítima”, sinala María García, en referencia aos acordos e mocións ratificados xa varias veces no Concello, a Deputación e o Parlamento de Galicia, aínda o pasado xoves.
A nosa voceira lembra que os peiraos de San Diego que tan alegremente se propón vender teñen usos produtivos e albergan empresas relacionadas coa pesca e a economía do mar, motor económico e de emprego que precisa espazo. “E se hai terreos que quedan vacantes deben destinarse a responder á demanda histórica de espazos abertos e equipamentos que os barrios próximos coma Oza e Os Catros arrastran desde hai anos”.