Saltar ao contido

A piques de esgotar o mandato municipal, a Marea Atlántica organiza un roteiro por toda a cidade denominado, #PegadasDoCambio e que se desenvolverá en distintas etapas desde o martes 2 de abril até o sábado 6. Durante a semana, as persoas que o desexen poderán participar en seis percorridos distintos nos que se fará un repaso por algunhas das actuacións impulsadas pola formación cidadá dende o goberno local e que iniciaron un cambio de modelo para facer da Coruña un espazo máis amable, máis sostible e máis igualitario.

Os concelleiros e concelleiras da Marea Atlántica serán guías destes itinerarios, que percorrerán a cidade para visibilizar os avances en materia de rexeneración urbana, loita contra o cambio climático, accesibilidade, xustiza social, mobilidade, memoria histórica, benestar animal ou defensa do patrimonio. A ultima parada deste tour do cambio terá lugar o sábado 6 de abril, no Campo da Leña. Alí está previsto que ás 12.30 horas teña lugar un acto público aberto a toda a veciñanza no que o cabeza de cartel da lista da Marea Atlántica ás municipais fará balance dos logros acadados durante estes catro anos, así como analizará os desafíos que ten por diante a cidadanía da Coruña. Será momento de render contas, pero tamén de celebrar todo o avanzado, polo que o evento rematará cun vermú popular.

Podes descargar o percorrido neste mapa en PDF

 

Catro días, seis etapas

En canto ás etapas do roteiro das Pegadas do Cambio, a primeira, que está fixada para o martes día 2 ás 18.00 horas, levará a veciñanza a percorrer a distancia entre o Millenium e a praia de Riazor. De camiño, visitaranse espazos que se viron beneficiados polos proxectos de expansión e coidado do medio ambiente como son a ampliación a cinco das bandeiras azuis nos areais da cidade ou o proxecto para a creación do Bosque das Cinco Illas, que toma precisamente o seu nome das illas de San Pedro que o goberno da Marea Atlántica apostou por coidar a través da figura de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), ao igual que o ámbito da Torre de Hércules. O camiño desta etapa permitirá coñecer tamén a descentralización dos servizos de atención social e laboral ou as iniciativas de actualización das instalacións deportivas e para fomentar a actividade física como acontece co programa Coruña en Forma.

O mércores 3 de abril arranca ás 18.00 horas a segunda das etapas dende a rolda de Nelle. Ao pé do viaduto comeza un percorrido centrado no urbanismo e no coidado do espazo público que levará as persoas participantes a afondar nas herdanzas urbanísticas que atopou a Marea Atlántica na súa chegada á María Pita. Unha das paradas será ante o edificio Conde de Fenosa, para o que o goberno de Marea Atlántica acadou un acordo histórico entre as partes que pon fin a tres décadas de fuxida cara adiante dos executivos municipais e salva o Concello dun gasto estimado en máis de 60 millóns para repoñer a legalidade urbanística mediante a derruba. O percorrido parará tamén na nova entrada ao parque de Santa Margarita, que conecta o espazo verde coa cidade e crea unha nova área de descanso para a veciñanza, e na área infantil da praza de San Pablo.

Os barrios de Palavea e Monte Alto serán os escenarios sobre os que pivotará a terceira xornada do roteiro do cambio, o 4 de abril. A etapa matinal comezará ás 12.00 horas en Palavea, na nova parada de transporte urbano de Penarredonda, ao lado da Fábrica de Armas, para dirixirse ao grupo de Vivendas de Santa Cristina, que neste mandato foi obxecto de mellora a través das Axudas de Rehabilitación Integral (nas que o Concello tivo que suplir á Xunta de Galicia, que deixou de achegar fondos para esta actuación), completada con actuacións na beirarrúa para o soterramento do cableado aéreo e demais servizos. O itinerario continuará por Palavea Vella, onde o goberno local acometeu a reurbanización de todo o núcleo, para seguir ata Santa Xema polo novo itinerario accesible e chegar ao río Quintas, onde o departamento municipal Medio Ambiente realizou unha intervención dentro do seu plan de #VertidoCero. Este entorno, ademais, será obxecto dunha rexeneración que o transformará nun paseo fluvial grazas aos fondos europeos captados dende o Concello.

29_Acto Roeiro

Monte Alto, Palavea, Novo Mesoiro e Feáns

Xa pola tarde, a cuarta etapa partirá de Monte Alto ás 18.00 horas do 4 de abril, coas hortas urbanas do parque de Carlos Casares como punto de saída. Desde aí percorrerá as rúas Vía Ártabra e Suevia ata chegar á Marola, no itinerario do proxecto denominado ‘Camiño do Vixía’, que contempla ir creando un itinerario de prioridade peonil que conecte os principais equipamentos do barrio e poña en valor o patrimonio. A seguinte parada está prevista no centro Abeiro, o primeiro equipamento municipal de baixa esixencia para persoas sen fogar, ao que seguirá unha ruta pola rúa da Torre, recentemente reurbanizada no seu primeiro treito e que forma parte tamén do ‘Camiño do Vixía’, para continuar ata a praza das Atochas, onde o Concello iniciou en 2015 o camiño de cumprimento coa Lei de Memoria Histórica. A última parada estará en Troncoso, unha das rúas nas que se iniciou o proceso de reordenación de terrazas da zona centro da cidade.

O día 5 de abril terán lugar as etapas número cinco e seis. A primeira será un percorrido polos barrios de Novo Mesoiro e de Feáns e a segunda, un acto informativo sobre mobilidade, que contará cunha viaxe na liña 1A do transporte urbano. O paseo a pé comeza ás 18.00 horas nos locais TEU (Espazos Abertos de Uso Cidadán) da rúa Ribeira Sacra, en Novo Mesoiro, e permitirá coñecer estas novas instalacións abertas ao uso libre por parte da cidadanía, así como as hortas urbanas do barrio e as obras de mellora realizadas para recuperar parte dos camiños tradicionais do núcleo de Feáns. Tamén ás 18.00 horas comeza a sexta etapa, a viaxe no bus 1A dende a parada da Porta de San Miguel. Alí probarase o proxecto piloto de pago virtual do bus a través do móbil (que se pode efectuar nesta liña) e a rebaixa nas tarifas. A fin do traxecto está marcada na estación de tren, para coñecer os detalles da futura Intermodal e os cambios introducidos no sistema de transporte da cidade.

#PegadasDoCambio, o roteiro por catro anos de melloras na Coruña