Aprobamos no Pleno unha moción que tamén condena a desproporcionada actuación policial contra a manifestación da xente de Alcoa en Madrid e reclama que as axudas a empresas privadas vaian ligadas a manter os postos de traballo.
O grupo municipal da Marea Atlántica presentou no pleno do 1 de abril de 2019 esta moción que insta ao goberno central a unha mellora urxente do proxecto de Estatuto para as Industrias Electrointensivas. Foi aprobada coa abstención de PP e PSOE.
En outubro de 2018 a multinacional Alcoa anunciaba o peche das plantas de Coruña e Avilés dando inicio a un ERE extintivo. Desde aquel momento o Pleno da Corporación do Concello da Coruña ten tomado a posición, de xeito unánime, contra dito peche solicitando a retirada do ERE e facendo un chamado á creación dun espazo institucional e estable de diálogo ca empresa para a adopción das medidas necesarias para o mantemento da actividade industrial nas plantas afectadas. Na mesma liña, téñense manifestado o Parlamento Autonómico e a Deputación Provincial da Coruña.
Paralelamente, durante este tempo, a cidadanía da Coruña ten manifestado o seu apoio maioritario ao sector, como un dos principais creadores de emprego e desenvolvemento de actividade económica para a cidade e a súa área metropolitana. O sector metalúrxico é un dos máis senlleiros piares industriais da provincia, sector no que é referente a nivel nacional e internacional, tendo na súa produción altamente cualificada un dos eixos da exportación e da balanza comercial positiva da provincia.
A nosa economía local debe pular polo enriquecemento do seu tecido produtivo e a mellora e impulso desta industria, baseando o seu desenvolvemento futuro no coñecemento, na innovación e no emprego cualificado, que favoreza unha maior rendibilidade das súas unidades produtivas e a sustentabilidade medioambiental da produción, que parta dun un marco español estable no regulamento dos prezos de subministros permitindo ao sector equipararse competitivamente cas industrias homónimas a nivel europeo e internacional.
Neste sentido, na Moción aprobada conxuntamente o pasado 11 de decembro de 2018 emprazábase ao Goberno español á toma decisións referidas, en concreto, á elaboración dun Estatuto harmonizado para as Industrias Electro-intensivas. Dito Estatuto debía proporcionar un mercado estable, libre de compromiso de ininterrumpibilidade e competitivo no marco europeo sobre todo no sistema de cómputo de custos asociados ao subministro enerxético desta industria. Así mesmo, cumpría realizar os axustes necesarios para avanzar no camiño da transición enerxética e da explotación electro-intensiva baixo as premisa do uso da enerxía de orixe renovable e unha produción non contaminante, de baixa pegada de carbono.
Así, o pasado 18 de marzo de 2019, o Goberno de España ven de presentar o “Proyecto de Real Decreto por el que se regula el Estatuto de Consumidores Electrointensivos.” En cumprimento do compromiso adquirido en relación á materia de Transición Enerxética e como parte do desenvolvemento do RD-1 20 de 7 de decembro de 2018 “de medidas urxentes para el impulso de la competitividad económico en el sector de la industria y el comercio en España” para o establecemento dun marco regulatorio da electro-intensividade e os grandes consumidores, que permitira equiparar a competitividade dos prezos enerxéticos de España cos dos principais competidores europeos.
Neste sentido, o actual proxecto do Goberno de España para o antedito Estatuto, carece da necesaria concreción nas medidas e non consigue acadar o seu obxectivo, xa que non recolle no seu texto un sistema estable de valoración a prezo certo do subministro e garantía sobre o mesmo a futuros. Tal como indican os representantes do sector, patronal e sindicatos, este borrador tan só propón un sistema de rebaixas parciais que non afectan a boa parte dos custos que impactan na factura, mantendo un espazo de volatilidade nos prezos de subministros que afecta directamente á viabilidade e ao interese do propio sector, así como de potenciais inversores con interese en adquisición das infraestruturas produtivas existentes ou futuras.
Por todo isto, o Grupo Municipal da Marea Atlántica, propón en coherencia e continuidade cos contidos e acordos establecidos na Declaración Institucional aprobada polo Pleno do Concello reunido en sesión extraordinaria e urxente do mes de novembro, así como os acordos da Moción adoptada en sesión plenaria do 11 de decembro de 2018 e, así mesmo, na última Moción aprobada en data de 11 de marzo de 2019 sobre tarifación eléctrica para a Industria Electro intensiva, posicionamentos todos eles feitos con unanimidade da sala, dito o cal insta ao Pleno do Concello da Coruña a tomar os seguintes acordos:
1. Instar o Goberno a unha revisión do Proxecto de Estatuto para as Industrias Electrointensivas que afonde e concrete nas medidas para a creación dun marco estable e garantista do mercado enerxético, dotándoo dun prezo certo a medio prazo e dun sistema equiparable ao utilizado polos principais países europeos produtores, como Francia e Alemaña.
2. Propor unha reforma efectiva do servizo de interrompibilidade que o dote de utilidade e o achegue aos seus homólogos europeos, en particular, a relativa ao desenvolvemento e integración no mercado dos servizos de xestión da demanda, eximindo as industrias electrointensivas do pagamento do servizo de interrompibilidade.
3. Revisar o Proxecto do antedito Estatuto en aras dun enfoque máis respectuoso co medio ambiente que favoreza o desenvolvemento a futuro dunha industria máis sustentable e suxeita ao proceso de Transición Enerxética, potenciando a contratación bilateral con xeradores de enerxía renovable e vinculando as exencións á implementación de medidas de eficiencia enerxética.
4. Habilitar o dereito ás compensacións desde o punto de vista fiscal e dos descontos por peaxe, dous aspectos que teñen unha incidencia directa no custo enerxético que asumen as empresas electrointensivas.
5. Asegurar que as industrias beneficiarias das medidas contempladas polo Estatuto manteñan a longo prazo o seu compromiso co mantemento do emprego e da actividade económica no noso país.
6. Recuperar a participación pública en todos os segmentos do sector enerxético, desde a produción ata á distribución.
7. Condenar a actuación policial do pasado 28 de marzo contra a manifestación dos traballadores de Alcoa que de xeito pacífico reclamaban en Madrid o mantemento dos seus postos de traballo.
8. Demandar ao Goberno máxima transparencia e máxima cooperación institucional respecto ás empresas ou fondos que están interesados en Alcoa Coruña, coa finalidade de garantir a unidade de acción en favor dos traballadores e as súas familias.
9. Seguir mantendo o contacto cos traballadores das empresas e cos seus representantes sindicais para acordar o mantemento da actividade industrial e para a defensa dos postos de traballo.
10. Trasladar o presente acordo a todos os grupos con representación no Parlamento de Galicia, no pleno da Deputación provincial da Coruña, así como nas Cortes Xerais do Estado, instándoos a que se manifesten no mesmo sentido.