O orzamento ten seis grandes eixos: dereito á vivenda, o coidado do espazo público, a mobilidade sostible, a economía social, o impulso da Área Metropolitana e o dereito a unha vida digna, a través das políticas sociais
O goberno municipal da Coruña presentoulle esta mañá ao resto dos grupos políticos o seu proxecto de Orzamentos para o ano 2017, que ten a vocación de ir alén das cifras e darlle un impulso ao modelo de cidade que está a construír desde o inicio do mandato. Ten seis grandes eixos, seis compromisos cunha cidade para as persoas: dereito á vivenda, o coidado do espazo público, a mobilidade sostible, a economía social, o impulso da Área Metropolitana e o dereito a unha vida digna, a través das políticas sociais.
Comeza agora un diálogo que o executivo espera que lle permita chegar a acordos para a aprobación definitiva das contas, coa incorporación das achegas que os grupos da oposición queiran facer e que encaixen cos grandes eixos do proxecto.
A proposta do goberno da Marea Atlántica estima que o ano que vén o Concello terá uns ingresos de 244 millóns, 280.000 euros máis que o previsto en 2016 (+0,11%). Trátase dunha cifra realista, pero aproximada, xa que aínda non están listos nin os orzamentos da Xunta nin os do Estado, dos que proveñen unha terceira parte dos recursos dos Concellos.
1.- Dereito á vivenda
O goberno quere traballar para garantir este dereito fundamental. As actuacións en materia de vivenda reciben un pulo de máis de 3,2 millóns de euros, un 164% máis que o ano anterior. As axudas para a rehabilitación de vivendas medran en máis do 55% (1,2 millóns) e increméntase nun 20% (1,45 millóns) a partida destinada a mellora da accesibilidade. Ademais, ábrese unha nova liña de actuacións para incrementar o parque de vivenda pública, mediante a adquisición de solares, con 2,5 millóns de euros.
Destinaranse arredor de 120.000 euros á reparación do actual parque municipal de vivenda, e farase un esforzo moi importante no reforzo, en materia de persoal, das políticas de vivenda: 150.000 euros en rehabilitación, 90.000 euros en adquisición e rehabilitación para alugueiro social e 250.000 euros para a oficina de implementación do Plan de Acceso ao Hábitat Digno, ferramenta esencial para acabar cos asentamentos precarios na cidade. Tamén mellorarán as vivendas temporais para persoas refuxiadas e vítimas de violencias machistas.
2.- Coidado do espazo público
A cidade que queremos defínese en boa medida polo coidado dos espazos públicos, lugares de relación entre a veciñanza. Neste eixo prioritario inclúense a mellora e o coidado dos lugares de encontro para a cidadanía: Áreas infantís, parques e xardíns, hortas urbanas, bibliotecas públicas, instalacións culturais e deportivas, colexios, monumentos, mercados ou vías públicas. A forma na que coidamos delas é un reflexo da nosa sociedade e da nosa cidadanía. En total, investiranse 30 millóns de euros nesta área, case 5,5 millóns máis que o ano pasado (+18%). O seu peso no total do proxecto de orzamentos medra considerablemente.
3.- Mobilidade sostible
Profundar nun modelo real de mobilidade sostible é outro dos eixos prioritarios do Goberno municipal para o ano que vén. Algúns dos proxectos que se inclúen nesta área son a actualización das liñas de bus, a mellora da eficiencia do transporte urbano, a ampliación e conexión do carril-bici, e a creación de novas estacións e equipamentos de Bici-Coruña. O proxecto orzamentario destina máis de 16 millóns de euros ás políticas de mobilidade sostible, o que supón un incremento de 728.630 euros, un 4,7% máis, sobre as cifras de 2016.
4.- Economía para as persoas
O Goberno da Marea Atlántica aposta por impulsar na cidade un modelo económico centrado nas persoas, que facilite a inclusión, os coidados e garanta os dereitos laborais. Neste eixo investiranse 8,6 millóns de euros, un 2,27% máis que o ano anterior. Indo ao concreto, ademais da inclusión de cláusulas sociais en todos os contratos do concello, en 2017 desenvolverase o Plan Municipal de Emprego, dotado de case 700.000 euros. As actividades formativas terán un forte incremento, cun 13% máis de dotación orzamentaria.
As políticas de promoción sectorial tamén serán reforzadas. Os investimentos en comercio e mercados que, no seu conxunto, reforzaranse con máis de 678.000 euros. Hai actuacións que levarán varios anos, como a rehabilitación do Mercado de Santa Lucía (652.142 euros), cuxo proxecto e dirección de obra xa están en licitación, así como a reforma do mercado de Monte Alto , para o que está reservada unha anualidade de 352.000 euros. Tamén se proxectan melloras nas instalacións e equipamentos dos mercados de Durmideiras, Elviña, San Agustín e Praza de Lugo.
5.- Área Metropolitana
Por primeira vez desde hai 30 anos, o Goberno da Coruña ten un compromiso firme e decidido co impulso da Área Metropolitana, que se reflicte neste proxecto de Orzamentos. Cuestións como a redefinición dos sistemas de tratamento do lixo ou a eliminación de verteduras á Ría do Burgo deben ser abordadas a unha escala superior á local. Iso require a constitución dun ente supramunicipal que sume e coordine as necesidades dos municipios da comarca.
6.- Dereito a unha vida digna
As políticas sociais son, desde o primeiro momento, un dos principais compromisos da Marea Atlántica. Ese compromiso quedou patente nos Orzamentos de 2016, que tiveron un crecemento sen precedentes nesa área.
Para 2017, vaise refrendar ese compromiso cos servizos públicos e coas persoas que máis precisan deles. Neste proxecto, increméntase a dotación para políticas de Educación, Igualdade e Servizos Sociais en máis de 800.000 euros, un 3,04%, porcentaxe por moi riba do crecemento dos gastos totais. O peso das políticas sociais fica en máis de 27 millóns, un 11,09% do total das contas municipais.