Hoxe, venres 2 de decembro, presentamos a Agulla de Marear, unha pequena publicación con grandes obxectivos. Pretende ser o voceiro da Marea Atlántica, un formato sinxelo de ler desde o que comunicar a acción política do Concello da Coruña e o traballo realizado pola nosa plataforma cidadá en todos os eidos. O seu primeiro número é tamén un número especial, dedicado a dar a coñecer o proxecto do goberno municipal para os Orzamentos 2017, unha mostra clara do modelo de cidade que queremos construír entre todas.
Aquí podes descargar a túa Agulla de Marear.
Seis ideas para unha cidade ao teu lado
Nesta pequena publicación, podes atopar as liñas básicas que o goberno da Marea Atlántica quere introducir nos Orzamentos municipais de 2017. Non é un simple listado de promesas, cifras e letras. Son as bases dun modelo de cidade, do proxecto que queremos desenvolver nos próximos dous anos e medio de mandato, para que este sexa un lugar mellor para vivir, onde as persoas teñan cubertas as súas necesidades fundamentais, onde os servizos, os dereitos e a propia Coruña estean máis preto da súa xente.
Seis son as ideas centrais desta proposta de contas públicas:
- A vivenda, para axudar a que o dereito a un teito non sexa só unha frase baleira na Constitución.
- O coidado do espazo público, para recuperar o que é de todas.
- A mellora da mobilidade para que o coche non sexa o único xeito de chegar a algures.
- O fomento do emprego de calidade e dun modelo económico baseado na cooperación, onde os cartos non teñan máis valor que as persoas.
- A creación da Área Metropolitana, porque A Coruña xa hai anos que non cabe nas fronteiras dun só concello.
- O reforzo das políticas sociais, para tenderlle a man a todos os dereitos que garanten unha vida digna.
Tamén incorporan, por primeira vez na historia da cidade, proxectos seleccionados pola propia veciñanza nun proceso de Orzamentos Participativos, por valor dun millón de euros. Foi a voz da xente quen escolleu que se fai con estes cartos públicos.
Estes son os proxectos que o goberno municipal está a negociar coa oposición nestes días. Nacen como unha resposta ás necesidades da cidade e da veciñanza, recollidas en distintos espazos de participación, e da vontade política de traballar desde o Concello da Coruña para a maioría social, levando ata o límite as competencias municipais. Son ideas nas que, se pensamos na cidade e non nas cores de cada partido, non debera ser difícil chegar a un consenso. Son medidas para unha cidade contigo.