Nestes días, a Concellería de Participación e Innovación Democrática lanza un convite á cidadanía para crear un espazo de investigación social, de intercambio de saberes e de democratización do coñecemento
Non é doado explicar que é iso do Co-Lab. E non o é porque a sua natureza é totalmente aberta e voluntariamente indefinida. Non é un departamento máis do Concello da Coruña. Non é unha empresa municipal, nin un centro cívico, tampouco é un programa divulgativo dirixido por unha concellería. O Co-Lab é unha proposta que a Concellería de Participación e Innovación Democrática lanza á cidadanía, colectivos, activistas e tecido asociativo desta cidade para que, en común, configuren un espazo de investigación social, de intercambio de saberes e de democratización do coñecemento. E polo tanto será a comunidade que se xere a partir deste chamado a que defina os seus propios marcos organizativos e as súas liñas de traballo.
Cando e onde?
Os días 24 e 25 de novembro porase en marcha o Co-Lab, cun obradoiro no Centro Ágora, onde se darán os primeiros pasos na definición deste espazo. É unha ocasión única para sumar esforzos, contrastar enfoques e alimentar sinerxías dos colectivos e da cidadanía activa nas áreas social, cultural, dixital, na habitabilidade e na mobilidade para unha Coruña máis xusta, máis equitativa.
Para que?
As empresas, os grupos de interese e os partidos tradicionais teñen os seus think-tanks, laboratorios de ideas cuxo obxectivo é a produción intelectual para un mercado, sexa este electoral, mediático ou de produtos. Fronte a esa concepción mercantilista dos saberes, que ten á cidadanía-electorado coma destinatario pasivo da enxeñería intelectual dunha vangarda de pensadores a soldo, xorden os laboratorios cidadáns. E fano en base á idea de que o coñecemento non é patrimonio de expertos, e que a riqueza baséase nos saberes en plural, e polo tanto é necesaria unha horizontalización e deselitización dos mesmos. Ou, expresado doutro modo, dende a premisa de que todos e todas somos expertos en diferentes ámbitos e saberes e que eses coñecementos sexan académicos ou non, son imprescinsibles. Deste modo é a cidadanía crítica e activa a que lidera, en primeira persoa do plural, a investigación sobre os problemas e as posibles solucións no que ten que ver coas necesidades máis elementais dunha vida digna.
Como?
O xermolo deste proxecto é a comprensión do público desde unha perspectiva do desborde institucional, que rache coa simplificación binaria público-privado e introduza novas institucionalidades. En base a estes principios a Concellería de Participación e Innovación Democrática lanza a proposta de fundar un laboratorio cidadán na Coruña, un espazo de investigación e desenvolvemento social, cultural e económico que terá no Concello un facilitador e un respaldo institucional, pero que funcionará desde as lóxicas da coprodución e a horizontalidade. Así, o deseño do laboratorio e das súas liñas de investigación, o seu modo de organización interna e o seu proceso de toma de decisións residirán na propia comunidade que desenvolva o proxecto, e estará ao servizo dos problemas e necesidades da veciñanza. O convite que lanza a concellería é o de crear:
- Unha ferramenta da cidadanía para rastrexar e identificar problemas comúns, para investigar sobre modelos de solución e para dar os primeiros pasos na sua resolución. Os cidadáns non son meros receptores das políticas públicas, senon axentes activos na sua elaboración.
- Cun retorno á veciñaza: O coñecemento producido non será críptico, non será un produto elaborado para o autoconsumo de académicos e activistas, non será coñecemento teórico afastado dos problemas e necesidades dos veciños. A produción terá coma orixe as necesidades da xente e coma fin a implementación de solucións prácticas a eses problemas.
- De código aberto: O coñecemento que se xere partirá de e retornará ao (pro)Común. O proceso será documentado e publicado, para que outras comunidades poidan empregar e adaptar as ferramentas e solucións que se desenvolvan á sua realidade particular.
- Con vocación de mestura: Persoas con distintos coñecementos e graos de especialización unidas nun espazo para levar a cabo proxectos conxuntos. Investigadores, activistas, veciñas, xestoras do público compartindo un espazo de colaboración e coprodución interdisciplinar e interxeracional.
- Con prácticas de aprendizaxe colectiva e experimentación que partan da avaliación comparativa doutras experiencias semellantes e leven a acadar solucións prácticas e creativas para as necesidades dos veciños da Coruña.
Xénese dunha idea
Os laboratorios cidadáns son herdeiros dunha tradición que, tanto desde ámbitos académicos coma activistas, busca abolir a concepción xerárquica e unidireccional da transmisión dos coñecementos e avoga por unha horizontalización dos saberes e as aprendizaxes. Polo tanto, entroncan coas tradicións pedagóxicas alternativas e organizativas populares que dende finais do século XIX vense reproducindo por medio de institucións educativas libertarias, ateneos, CSOs, universidades populares, movementos sociais, colectivos de investigación e tantas outras.
A esta tradición agrégase o factor tecnolóxico e a evolución das TIC (Tecnoloxías da información e a Comunicación) que tivo lugar nos últimos lustros, coa implementación que supón das ferramentas de traballo en rede, a multiplicidade das fontes de información, e polo tanto a promoción de prácticas de descentralización que deron lugar aos medialabs, hacklabs e makerlabs, por poñer algúns exemplos.
O decano dos labs, o MIT MediaLab, xurdiu na década dos 80s no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, e desde entón centra a sua actividade nas artes e tecnoloxías dixitais co obxectivo de “mellorar radicalmente o modo en que a xente vive, aprende, se expresa, traballa e xoga” fomentando a abolición das barreiras entre os saberes e coa interdisciplinariedade como seña. Se ben serve como modelo inspirador para a xénese de outros laboratorios, a sua concepción e a comunidade que o sustenta son de caracter púramente académico. Dunha natureza semellante é o MindLab, dependente do goberno danés e que combina a acción de ministerios, empresas e (o que para o caso máis nos interesa) cidadanía na implementación de políticas públicas.
Estas duas correntes mestúranse na conformación do que chamamos laboratorios cidadáns. Baixo esta denominación englóbanse unha serie de institucións autónomas e diversas, cunha plasmación, unhas prácticas, uns obxectivos e uns métodos propios. Esto é así porque cada laboratorio cidadán está forxado e sustentado por unha comunidade cunha realidade, unha historia e uns obxectivos diferentes. Así e todo, comparten os valores da colaboración, da transferencia de coñecementos, da horizontalidade dos saberes, da produción en código aberto, pero cada un deles materializa estes principios dun modo particular.
Exemplos salientables deste modelo son a Fundación de los Comunes, que autodefínese como un “laboratorio de ideas que produce pensamiento crítico desde los movimientos sociales como herramienta de intervención política” e que engloba e coordina unha rede de grupos de investigación, edición e formación na procura dunha revolución democrática e da igualdad social. Outro exemplo é o Observatorio Metropolitano de Barcelona, un grupo aberto de investigación que centra o seu traballo nos procesos urbanos dende unha perspectiva de planificación pública e dende os movementos cidadáns.
Para máis información: http://colab.coruna.gal/
Os comentarios están pechados.